7 feb 2013

DE VISITA POLA CAPELA

Aquí vos deixamos unha presentación onde resumimos a visita que o alumnado de 1º fixo ao Concello da Capela. Un día moi ben aproveitado, no que visitamos o Museo Etnográfico- unha magnífica representación da vida cotiá da aldea a mediados do século XX- e o Centro de Interpretación do xogo tradicional "Brinquedos", onde practicamos uns cantos xogos que xa tiñamos case esquecidos.
Fixemos logo unha ruta de sendeirismo polas Fragas do Eume, pequena porque o tempo non axudaba moito, e que remataba no Mosteiro de Caaveiro.
Unha xornada completiña para lembrar a nosa historia e para admirar a nosa natureza.


15 ene 2013

Premios concurso "Cos mellores desexos..."


Cun certo retraso, todo hai que dicilo, entregamos os premios aos ganadores do Concurso Cos mellores desexos... tamén para o galego.
Os nosos parabéns a Brais Barros, que se fixo co 1º Premio -por unanimidade no xurado- coa súa mensaxe: Gustaríame seguir oíndo: pitas, pitas, pitas... e tamén a Rubén Miramontes, 2º Premio, e a Diego Medín, ganador do 3º Premio.
E as grazas, por suposto, a toda a comunidade educativa do centro pola participación xenerosa nesta actividade.

12 dic 2012

COS MELLORES DESEXOS...TAMÉN PARA O GALEGO




O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística pon en marcha unha campaña para visibilizar o apoio a nivel individual ao proceso de normalización da lingua galega da comunidade educativa do IES de Viós.
Así, animados pola tenrura e a solidariedade cos máis desfavorecidos propias do Nadal, queremos provocar unha reflexión esperanzadora sobre a necesidade e fomento da nosa lingua en distintos sectores.
Imos montar unha árbore de nadal seca de savia, mais cos nosos mellores desexos para o galego en forma de minipostais, posicionarémonos a prol do fomento da lingua. Coas nosas mensaxes positivas, encheremos o 2013 de novo zume normalizador.
 Anímate! Pensa nun desexo, redacta a túa tarxeta, decóraa ao teu gusto... Nós colgarémola da árbore e,      se ao xurado lle parece a máis orixinal, creativa e normalizadora... PREMIO!! 

7 dic 2012

REMATAMOS O CONTRASINAL

Xa temos ganadores desta 2ª edición! Clara e Pablo fixéronnos gozar nunha final espectacular. Demostraron ser uns auténticos especialistas neste xogo. Abofé que controlan de relacións semánticas : para eles a sinonimia, a antonimia ou a hiperonimia non parecen ter ningún misterio! E iso que Sabela e Álvaro, os ganadores do concurso o ano pasado, non llelo puxeron fácil. Foi unha final ben disputada e ben emocionante para todos.
Parabéns ás dúas parellas e... ata o ano que vén!

3 dic 2012

CONTRASINAL


Estamos rematando esta 2ª edición!! Non faltes o mércores 5 á final! Competirán as parellas formadas por Pablo e Clara, representando a 2º de ESO e Álvaro e Sabela, que representan a 4º.
Promete ser moi disputada!

21 nov 2012

2ª EDICIÓN DO CONTRASINAL


Esta semana empezamos coa segunda edición do Contrasinal, o  concurso organizado polo ENDL e co que pretendemos corrixir interferencias e castelanismos demasiado presentes na nosa fala coloquial.
Xa están seleccionadas as parellas de concursantes que representarán a cada clase e iniciada a primeira fase do concurso.
Teredes que estar atentos ás datas que imos poñendo no cartaz do corredor, pois varían en función da coincidencia con outras actividades nos recreos. En principio, propoñémonos facelo os luns e mércores, coma o curso pasado, no salón de usos múltiples. Aí vos agardamos!!

5 nov 2012

Ollos de aula


Xa está á vosa disposición  o segundo número da revista Ollos de aula. O primeiro número chegouvos a todas as familias impreso, pero, a partir de agora, aproveitaremos esta canle: máis sostible, máis económica, máis racional...

9 oct 2012

Xa navegas en galego?


Se aínda non tes configurado o teu Explorer para navegar pola rede como galego podes facelo seguindo os pasos que che indican neste blog. Entra en Navega en galego

3 oct 2012

Ollos de aula


Empezamos un novo curso cunha nova que nos anima: a publicación do 1º número de Ollos de aula, unha revista educativa coa que a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística quere dar respostas as dúbidas das familias do alumnado.
A CGENDL di na súa presentación que na revista "... procurarase darlle resposta ás preguntas que formulen as familias, afondar en temas de actualidade, explicar conceptos propios do ensino ou achegar suxestións (lectura, música, viaxes...) para seren compartidas cos fillos e fillas..."
Oportunidades que,  ben seguro, saberemos aproveitar.
Cos parabéns do noso ENDL! Deixamos aquí o enlace para que teñades fácil acceso e veremos de poder facérvola chegar a todos a través doutras canles.