28 oct 2011

CUNQUEIRO, tamén no cinema

Este venres estréase Sinbad nos cinemas galegos. É unha adaptación da obra de Cunqueiro dirixida por Antón Dobao e protagonizada por Xosé Olveira "Pico",no papel de Sinbad e Sara Casanovas, Luís Zahera ou Antonio Durán "Morris", entre outros actores e actrices.

Sinbad, extraordinario fabulador, conta as súas viaxes pasadas, reais ou non, aos seus compañeiros diarios de café e dominó na taberna. O dono desta, Mansur, é viúvo e tén unha filla preadolescente, Sara. Sinbad mantén con ela unha relación moi afectuosa. Acompáñaa ás veces á escola e apréndelle cousas do mar e das estrelas. Sara é a mellor receptora de todos os contos que narra Sinbad. Historia baseada na novela de Álvaro Cunqueiro Si o vello Sinbad volvese ás illas. Iniciouse a rodaxe o 9/5/2011e estréase nas salas comerciais o 28/10/2011 (6 salas en VO galego). A súa estrea na CRTVG está prevista para decembro de 2011.

Xa sabedes, aproveitade! Non hai moitas ocasións de ver cine en galego!

27 oct 2011

HABERÁ PRIMAVERA

César Morán presentou, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, o seu último traballo discográfico: Haberá primavera, un libro-disco co que o músico coruñés homenaxea a Álvaro Cunqueiro, homenaxe que como o propio César comentou:
" non podía deixar de facer no ano no que se celebra o seu centenario".
Esta nova produción de César Morán- que aínda non viu a luz, pero que o fará o 11 do 11 do 2011-contén un disco dobre: un cunha coidada selección de poemas que vai desde a poesía reflexiva contida en Herba aquí e acolá ata a poesía vangardista de Mar ao Norde ou de Poemas do si e do non e outro, no que se recolle a última entrevista concedida por Don Álvaro Cunqueiro un mes antes do seu pasamento, precisamente ao propio César Morán.
No tocante á música, César sorpréndenos cunhas composicións de ritmos variados e ricos que suman emoción ás palabras do poeta. Magníficos músicos, entre eles Uxía Senlle, acompañaron a César nunha gravación de luxo.
En canto publiquen Haberá primaver,terédelo na Biblioteca á vosa disposición. No entanto, se queredes un adianto, picade neste enlace.

18 oct 2011

UNHA BOA E UNHA MALA

Dúas novas sobre lingua e cultura galega nos medios: unha boa e unha mala.
V Televisión estrea unha nova serie: Lendas vivas , 13 capítulos en forma de documentais ficcionados, dedicados ás historias transmitidas en Galicia de xeito oral durante séculos.
No blog o falar non ten cancelas ofrécennnos o primeiro capítulo, por se queredes saber de que vai.
A mala: a desaparición da edición dixital de Xornal de Galicia, outro espazo menos para a lingua galega que ve así notablemente minguada a súa presenza nos medios de comunicación.

11 oct 2011

CENTENARIO DE CUNQUEIRO

Reanudamos as publicacións neste blog-que tiñamos certamente abandonado- cun documental dirixido por Antón Reixa e que vimos no verán na 2ª canle de TVE: un estupendo traballo co que podedes achegarvos á figura de Álvaro Cunqueiro ( Mondoñedo, 22 de decembro de 1911), do que celebramos este ano o centenario do seu nacemento.
O documental reúne imaxes de arquivo nas que o propio Álvaro Cunqueiro fala das súas claves literarias, os seus amigos, os seus gustos… Testemuñas ás que se suman os máis dunha decena de familiares, escritores, críticos, amigos e especialistas como Xoan Bello, Quico Cadaval, Xavier Castro, César Cunqueiro, Juan Ramón Díaz, Luis Mateo Díez, Francisco Fernández del Riego, José María Merino, César Antonio Molina, César Morán, Sacha Ormaechea e Nélida Piñón.