3 may 2011

VISITA A MELGAÇO

Este curso aproveitamos a oportunidade que nos ofreceu o Proxecto Terra do COAG, a través dos seus Intercambios Territoriais e visitamos a vila portuguesa de Melgaço. Esta saída foi realmente un agasallo para o alumnado de 1º de ESO que, durante o segundo trimestre, traballara con moito interese a unidade didáctica de Identidade Territorial, nas aulas de Ciencias Sociais e Lingua Galega.
Foi unha visita de dous días, moi ben aproveitada, na que aprendemos moitísimas cousas, pero sobre todo, tomamos conciencia de todo o que nos une con Portugal: lingua, cultura, tradicións, clima, relevo, paisaxe... certamente, unha mesma identidade que traspasa a fronteira política.
"Eu agradezo moito o convite do Proxecto Terra, sen el non poderiamos gozar de tan bo aloxamento nin da atención dos monitores, que en todo momento intentaron que a nosa viaxe fose satisfactoria. Deime conta de que non temos demasiadas diferenzas, e que eles falasen en portugués, facíame sentir a gusto porque era como o galego. E o mesmo, coa comida; compartimos os mesmos gustos; por exemplo, polo viño, e tamén, algo que me sorprendeu moito, polos churros...! que non esperaba atopar alí." Lidia
" A min paréceme que esta excursión gustoulle a todo o mundo. Foi moi curta e iso quere dicir que o pasamos moi ben. Persoalmente, gustoume moito o ben que conservan o seu patrimonio histórico e tamén me agradou a súa forma de ser, a súa simpatía." Antía
"Unha cousa que me impresionou moito foi a perfecta organización do territorio: os castelos estaban situados nos lugares máis altos, con vistas a todo o val para poder vixiar posibles ameazas. Aprendín o significado de moitas palabras con este traballo: freguesía, grañas, rueiros, brandas, inverneiras..." Nando
"Pareceume unha viaxe moi interesante e divertida pero, sobre todo, moi didáctica e instrutiva. Chamoume a atención a fermosa paisaxe que vimos na subida ao castelo de Castro Laboreiro" Icia
"Sorprendeume moito o ben que nos entendemos cos guías dos lugares que visitamos e todo o que con eles aprendemos: No Parque Nacional Peneda-Gerês, no Museo do Cinema, no Museo da Emigración e do Contrabando...tamén me sorprendeu o albergue: un lugar con moita "clase", moi cómodo e moi divertido" Lucía Tudó
"Cando chegamos ao Parque Nacional da Peneda-Gerês, algunhas compañeiras máis eu comentamos que parecía a América das películas, polas enormes árbores de cor verde forte e polas montañas de rochas e penedos...Non fun capaz de entender case nada do vídeo en portugués, pero si comprendín todo o que o guía, no seu portu-galego, nos explicou. Gustoume moito o museo do cine: encantáronme as lámpadas máxicas!" Sara Parga
" Unha viaxe moi divertida, xa teño ganas de que se repita! Nahuel



1 comentario:

Alex Santiso dijo...

Estivo verdadeiramente ben esa viaxe a Portugal.Eu a repitiría se me fora posible.