7 dic 2011

FINAL DO CONTRASINAL


Rematamos o noso concurso do CONTRASINAL. Unha mágoa, a verdade! Xa nos afixeramos a que, con cada recreo, chegase a hora de escoitar aos nosos compañeiros e compañeiras, de velos actuar competindo por ser a parella que máis palabras acertaba, a que menos castelanismos empregaba, a que era capaz de cazalos nun voo e corrixilos segundo "escapaban" das súas bocas...en fin, competindo por acadar unha vitoria que, a medida que nos aproximabamos á final, era máis difícil de conseguir.
No Equipo de Dinamización Lingüística quedamos máis que satisfeitos: moi satisfeitos. Non esperabamos que o concurso tivese tan boa acollida. Era realmente un pracer ver a sala chea cada recreo. A final foi ben emocionante e ben reñida. Gañou a parella formada por Álvaro e Sabela, do grupo de 3º bilingüe, pero a diferenza coa parella que representaba a 1º A , Lorena e Clara, foi certamente escasa.
Sen dúbida, un concurso que lembraremos, tanto polo ben que nolo fixeron pasar, como polo que con eles aprendemos!


No hay comentarios: