19 jun 2012

PARABÉNS!


Collemos vacacións! Esta é a última entrada no blog deste curso e queremos despedirnos felicitando especialmente a dous centros de ensino que, malia todos os atrancos, cambadelas e recortes, seguiron traballando, sen desánimo, en proxectos que nos animan a todos a intentar cambiar o que non nos gusta e, ao tempo, a manter todo aquilo que nos identifica, que nos fai ser quen somos.
O CEIP Mosteiro de Caaveiro da Capela acaba de recibir o 1º premio que o Diario de Ferrol concede a un centro de ensino. Con el recoñécese o traballo que os profesionais deste centro teñen feito, ao longo destes anos, a prol da divulgación dos xogos de sempre. Moitos de nós gozamos no seu Centro de Interpretación Brinquedos, co que pretenden normalizar o xogo como fonte de pracer e aprendizaxe.
Un recoñecemento ben merecido e do que nos aledamos. Parabéns!!

E felicitacións tamén ao IES Maximino Romero de Lema de Baio polo vídeo que van presentar o día 28 de xuño no Parlamento Europeo en Bruxelas, convidados polo grupo Alianza dos Verdes. O EDL dese centro elaborou, cun grupo de alumnos de 1º de BAC, un vídeo de divulgación sobre o patrimonio natural da Costa da Morte, no que aproveitan tamén para denunciar proxectos e infraestruturas construídas que atentan contra a calidade medioambiental desa zona que, malia estar integrada na Rede Natura, non sempre é respectada. A presenza de grandes piscifactorías ameaza seriamente a calidade das augas e a riqueza da fauna e da flora do litoral.
Deixamos este enlace para que poidades ver os materiais audiovisuais que teñen colgados na súa revista dixital A Cidá.
Os nosos parabéns por un traballo tan ben feito e tan necesario.
Abur!! Volveremos en setembro!!

No hay comentarios: