24 feb 2010

SEGUIMOS EN CAMPAÑA !

Temos outro vídeo máis elaborado pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización dentro da campaña Orgullos@s do galego.
Esta vez, unha moza galega e un mozo brasileiro que se coñeceron en Nova York e que non tiveron problema para entenderse, porque o galego si ten utilidade.


23 feb 2010

NOVA CAMPAÑA EN DEFENSA DA LINGUA

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización acaba de editar unha campaña en defensa da lingua, un vídeo para o que prestaron as súas voces actores e actrices como Luís Tosar, Martiño Rivas, Belén Regueira, María Castro... músicos como Susana Seivane... voces que mostran o seu orgullo de ser 100 % galegos.

10 ANOS DE BOLETÍN DO ENDL


O ENDL está preparando a exposición 10 ANOS DE BOLETÍN: unha mostra dos exemplares publicados polo Equipo desde o curso 1999-2000 ata hoxe. A presentación da exposición terá lugar na Biblioteca e a través dela poderás coñecer como foron os inicios do Boletín e como foi transformándose - e mellorando- ao longo destes 10 cursos. Esperámoste!!

10 feb 2010

E TI, POR QUE O FALAS?

Se picas neste enlace poderás ver un vídeo gravado por Daria Shornikova, unha rapaza rusa que aprendeu a falar galego e que, de vacacións en Compostela, decidiu facer un documental onde recolle as impresións de todo tipo de xente arredor da lingua galega: cal é a súa relación co idioma, como comezaron a falalo ou cales son as súas palabras favoritas.
Durante algo máis dunha hora, Daria percorre lugares como pubs, facultades ou medios de comunicación para coñecer esas historias, palabras e sentimentos de Galiza, contadas tanto por galegos de nacemento como de adopción.

8 feb 2010

55 MENTIRAS...

O pasado venres 5 de xaneiro, a plataforma Prolingua presentou a súa 1ª publicación: 55 mentiras... un libro moi interesante no que se desmenten 55 falacias sobre a lingua galega moi espalladas entre a cidadanía. O libro presentouse de xeito simultáneo en 69 lugares; de maneira que, no mesmo momento, unhas 5000 persoas falaban en galego e do galego en vilas tan distintas coma Lisboa ou Melide, Londres ou Cotobade, A Coruña ou Copenhague...
A continuación deixamos unha presentación abreviada con 20 desas mentiras, unha mostra "resumida" do contido do libro.Pero se desexas ampliar esta información non tes máis que entrar na páxina web de prolingua ( mesmo podes sumarte á plataforma, se coincides cos seus obxectivos!)





5 feb 2010

EU VERSUS YO

Eu versus yo (2005) é un documental de Roberto Conde e Iago García no que se fai unha análise da situación social da lingua galega a través de entrevistas e imaxes de arquivo.

Na fita participan, entre outros, Carlos Callón (Presidente da Mesa), Ramón Villares (Presidente do Consello da Cultura Galega) Bernardo Penabade (AGAL), Víctor Freixanes (director de Galaxia), Antón Costa (AS-PG), Xosé Luis Barreiro Rivas (politólogo), Delfín Caseiro (profesor de ensino secundario), Carme Hermida (lingüista), Clara Castilla (xornalista). Tamén se inclúen pasaxes da obra teatral Bicos con lingua, de Talía Teatro.

Pica aquí para visionalo.

3 feb 2010

Presentación simultánea do libro "55 mentiras sobre a lingua galega"


A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o próximo venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.

Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

Para máis información, podes consultar a súa páxina:

http://prolinguagalega.org/

1 feb 2010

FLORES E ESPIÑAS


As espiñas deste mes de xaneiro son para o conselleiro de Cultura, Roberto Varela por cualificar a cultura galega de "ensimesmada e acomplexada" nunhas declaracións feitas o pasado 25 de xaneiro, nas que ademais aseguraba que a meirande parte da produción editorial galega acaba sendo adquirida pola Xunta. É así como pensa defender e promocionar a nosa cultura??

As flores son para esa boa parte da cidadanía galega, miles de cidadáns que non permanecen á marxe das decisións políticas que lles afectan, que son quen de pórse en contacto, de unirse, de crear colectivos ou plataformas ( Prolinguagalega, Queremos galego...) para defender un obxectivo común: a nosa lingua.