26 nov 2010

PREMIO FERNÁNDEZ-LATORRE A MÉNDEZ FERRÍN

Hoxe estamos contentos porque coa concesión do premio Fernández-Latorre a Xosé Luis Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, unha figura fundamental na literatura galega e un home cun compromiso constante e irrenunciable coa lingua e a cultura galegas ( en palabras do xurado que lle concedeu o premio) recoñécese tamén a todos aos homes e mulleres de letras que escollen o idioma propio desta nación atlántica para lle transmitir ao mundo o seu propio mundo interior, a través do libro, a través dos media.( en palabras de Méndez Ferrín)
Pasa pola biblioteca e pregunta polos libros de Ferrín; aconsellaranche a mellor forma de achegarte á súa obra.




RECURSOS PARA A APRENDIZAXE

Outra forma diferente de contar a HISTORIA DA LINGUA esta vez contada con moito humor polo escritor Pepe Carreiro. Esta vaivos gustar, seguro!! Aínda vai ser verdade que estudar é divertido!!


RECURSOS PARA A APRENDIZAXE

O Departamento de Galego está elaborando unha serie de materiais complementarios que, supoñemos, van ser unha boa axuda para a aprendizaxe dalgúns contidos que teredes que adquirir ao longo deste curso. Pensamos aloxalos neste blog para que os teñades a man; para que o acceso a eles sexa rápido e doado. Iremos colgando tamén outros materiais que consideremos proveitosos para vós; así que, pasádevos por aquí de vez en cando para ver as novidades.
Empezamos coa HISTORIA DA LINGUA GALEGA nunha liña do tempo que esperamos vos axude a comprender mellor as diferentes situacións de uso polas que a lingua galega foi pasando a través da súa historia. As imaxes e os multimedia que contén , seguro que vos fan máis doada e atractiva a aprendizaxe deste tema.

25 nov 2010

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O Consorcio das Mariñas súmase aos actos que hoxe se celebran en todo o mundo para manifestar o seu NON! á violencia de xénero. Hoxe, 25 de novembro, presentaron este vídeo dentro da campaña UNHA SOA VOZ CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.

19 nov 2010

POLO SAN MARTIÑO...

Nunha entrada anterior, animabámosvos a coller de novo os peóns e sacalos ao camiño; facelos bailar e divertirvos un pouco. Por se perdestes a práctica, aquí vos deixamos un vídeo. Ides ficar pampos, seguro! É incrible o que se pode facer cun peón. Iso si, como todo se moderniza, estes son acrobáticos...

HUMOR

Aquí tedes: para botar unhas risas!!

11 nov 2010

DÍA DO PEÓN

Como en anos anteriores, recollemos a chamada que Brinquedia, a rede galega de xogo tradicional, fai o 11 de novembro. Unha chamada de atención á nosa memoria colectiva, un xeito divertido de manter vivo o noso patrimonio inmaterial.
Divertido, si. Proba a facer bailar o peón, a bailalo sobre a palma da man, a bater nun peón que baila no chan...
Lembra que no Departamento de Educación Física hai unha boa colección de peóns; pídeos sempre que che apeteza probar!

Din os refráns:
"Polo san Martiño, peóns ao camiño"
"Polo santo Antón, peóns ao caixón"

Tradicionalmente foi sempre un xogo estacional, pero nós témolos á túa disposición todo o curso! Aproveita!



3 nov 2010

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO
























Hoxe celébrase, por primeira vez, o Día da Ciencia en Galego, pero de certo será unha data que, a partir de agora, lembraremos cada ano, como facemos con outras tan significativas para a nosa lingua.
Nesta xornada son tres as figuras que se quere homenaxear: Ramón María Aller Ulloa (1878-1966) matemático e astrónomo galego; James Clarck Maxwell (1831-1879), físico escocés e Afonso X o Sabio(1221-1284).
Na web cienciaengalego.org podedes atopar información interesante e na páxina da coordinadora galega de equipos de normalización, unha boa selección de actividades que demostran que a aprendizaxe das ciencias, das matemáticas, da tecnoloxía...é posible en galego, por máis atrancos que lle poñan!

2 nov 2010

PALABRAS ENCADEADAS

Onte, 2 de novembro, fomos ao teatro os de 3º e 4º. Talía Teatro representaba a obra Palabras encadeadas. Esta é a terceira obra que vemos deste grupo que non deixa de sorprendernos e de conmovernos coas súas postas en escena.

Velaquí algúns comentarios dos compañeiros de 3º:


Pareceume unha gran obra; sempre tiñas que estar pendente do que pasaba para non perder o fío...nunca sabías o que ía pasar.Tanto podían poñerse a xogar ás palabras encadeadas, como poñerse a falar da súa vida, ou gastar bromas de moi mal gusto...( Isaac Araújo)

Os actores fixérono moi ben; sobre todo, Ramón, que tiña que representar dous papeis: un para facer crer a Laura que era inocente e outro, acto seguido, para que crese que era culpable. (Lucía Gándara)

Pareceume unha obra moi interesante, estaba moi ben representada; ata me engaiolaban a min mesmo, xa que Ramón dicía cousas distintas sobre os asasinatos: primeiro culpándose, despois desculpándose...(José Corral)

É unha obra moderna e sorprendente. Gustoume moito. (Andrea Méndez)

Gustoume moitísimo como Ramón enganaba a todo o público facendo que unha e outra vez lle deramos voltas ao asunto...(Tamara Núñez)

Gustoume tanto pola súa credibilidade, como polo seu argumento... ( Carlos Brandariz)