29 abr 2010

FESTA RACHADA!!!


A semana do 3 ao 7 de maio en Viós estamos de festa!!! Que celebramos? Pois moitas cousas: os dez anos do BNL, as Letras Galegas, si, antes do 17 de maio, porque somos así de chulos, porque nos peta, queremos e nos dá a gana (ademais de certos problemillas para encaixar datas).
Así que, veña, aí vai o programa de actividades:
  • BANCO DE PALABRAS: Cos tempos que corren, tes medo pola sorte que poden correr as túas palabra s, esas que recordas con especial agarimo e xa non te fías de que alguén mire por elas? ESQUÉCETE: O Banco de Palabras do ENDL de Viós ofréceche a mellor garantía para o futuro das túas palabras; somos líderes en conservación, connosco as túas palabras están nas mellores mans ( e sen custo algún para o depositante). Vai pensando cales son as máis valiosas para ti e nós ofrecémosche a seguranza da súa conservación.
  • Do 3 ao 7 de maio: Exposición dos Boletíns do ENDL na entrada do IES.
  • Martes 4 de maio: Presentación na biblioteca ás 11,30 hs. "Dez anos de Boletín do ENDL"
  • Mércores 5 de maio: Festa das Letras Galegas, organizada polos alumnos de Obradoiro de iniciativas emprendedoras co horario seguinte:
    • De 9 a 11,25 hs: Clase normal.
    • 11,25 hs: Entrega do número especial do BNDL curso 2009-2010, coa colaboración especial na súa elaboración de ex-alumnos e ex-profes do Centro.
    • De 11,30 hs. a 12 hs: recreo.
    • 12 hs: Grupo Migallas co espectáculo O cantante e as mulleres.
    • 13,30 hs: Preparación do xantar.
    • 14 hs: Xantar campestre.
    • 15,15 hs. Proxección do filme Os mortos van ás présas.
    • 16,45 hs: DJ
    • 17.50 hs: Recollemos e " pa casiña, que son horas"
A desfrutar! A nosa lingua ben merece unha festa!

23 abr 2010

UXÍO NOVONEYRA: LIÑAS DO TEMPO

Da páxina da Coordinadora galega de Equipos de Normalización sacamos esta liña de tempo coa que podes coñecer algúns dos feitos máis salientables da vida e da obra de Uxío Novoneyra, ordenados cronoloxicamente. Móvete por ela, amplía as imaxes e detente nas páxinas que máis che interesen.



20 abr 2010

UXÍO NOVONEYRA NA REDE

Que sorprendente e xeneroso este mundo virtual! Segue asombrando a capacidade infinita de compartir que nos ofrece. Estes días, cercanos á celebración do Día Das Letras Galegas, no que homenaxeamos a Uxío Novoneyra, as redes énchense de estudos, de vídeos, de escolmas da súa obra en forma de atractivas presentacións...traballos realizados en lugares distantes, por xente que non coñecemos-pero que sabemos xenerosa- cos que podemos disfrutar e dos que podemos aprender moitísimo; e todo cunha facilidade e unha inmediatez que segue admirando.
Non hai escusa: non aprendemos se non queremos.
Aquí queda unha mínima mostra do que podedes atopar visitando páxinas coma a da Coordenadora Galega de Equipos de Normalización, ou coma a da AS-PG, ou toda unha morea de blogs que conteñen estupendas referencias á vida e obra do poeta do Courel: podedes velo, oílo recitar os seus poemas, coñecer a súa traxectoria literaria...
Entrade e disfrutade!







11 abr 2010

VISITA AO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO XOGO TRADICIONAL "BRINQUEDOS"

Como xa sabedes, un dos obxectivos fixados polo ENDL é a conservación e promoción do noso patrimonio inmaterial e , para acadalo, programamos- xunto co Departamento de Educación Física- unha visita ao concello da Capela. Fomos o pasado día 9 as alumnas e alumnos de 1º de ESO e abofé que aproveitamos a mañá.
Primeiro visitamos o Museo Etnográfico: unha magnífica colección de útiles, ferramentas, apeiros e obxectos que recrean, nunha fermosa rectoral rehabilitada, a vida cotiá labrega doutros tempos. Moi interesantes as explicacións sobre oficios e ocupacións case esquecidas: os traballos do liño, da lá, da malla, dos zoqueiros, dos follateiros, dos xastres, das tecelás...
Logo fomos para o CEIP Mosteiro de Caaveiro onde disfrutamos practicando unha serie de xogos tradicionais- tamén cotiáns noutros tempos e hoxe en semi-abandono- no espazo que este colexio creou hai uns anos como Centro de Interpretación do Xogo Tradicional. Unha mañá de sol perfecta para xogar, para aprender e sobre todo, para non esquecer.