20 dic 2011

O Valedor do Pobo e a lingua propia de Galicia

Recollemos aquí o posicionamento da Coordinadora Galega de Equipos de Dinamización Lingüística ante a resolución tomada polo Valedor do Pobo na que solicita a retirada dun libro de texto de Educación Primaria. E recollémola tal cual porque, como EDL do IES de Viós subscribimos cada unha das súas palabras: non podiamos dicilo nin máis claro, nin máis forte, nin mellor.

19 dic 2011

REGALA GALEGO



Máis ideas para regalar galego e en galego: coma en anos anteriores collemos emprestado o catálogo de agasallos que elaboran no CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral Toma nota!

17 dic 2011

AGASALLA GALEGO





Agasalla en galego! Aquí tes algunhas ideas que A MESA reúne nun catálogo para axudarche na túa procura: Son produtos en galego e produtos de empresas que traballan en galego. Outra forma máis de dinamizar a lingua dentro do ámbito empresarial.

7 dic 2011

FINAL DO CONTRASINAL


Rematamos o noso concurso do CONTRASINAL. Unha mágoa, a verdade! Xa nos afixeramos a que, con cada recreo, chegase a hora de escoitar aos nosos compañeiros e compañeiras, de velos actuar competindo por ser a parella que máis palabras acertaba, a que menos castelanismos empregaba, a que era capaz de cazalos nun voo e corrixilos segundo "escapaban" das súas bocas...en fin, competindo por acadar unha vitoria que, a medida que nos aproximabamos á final, era máis difícil de conseguir.
No Equipo de Dinamización Lingüística quedamos máis que satisfeitos: moi satisfeitos. Non esperabamos que o concurso tivese tan boa acollida. Era realmente un pracer ver a sala chea cada recreo. A final foi ben emocionante e ben reñida. Gañou a parella formada por Álvaro e Sabela, do grupo de 3º bilingüe, pero a diferenza coa parella que representaba a 1º A , Lorena e Clara, foi certamente escasa.
Sen dúbida, un concurso que lembraremos, tanto polo ben que nolo fixeron pasar, como polo que con eles aprendemos!


28 nov 2011

CONTRASINAL

Rematada a 1ª fase do concurso do Contrasinal, pasan a semifinais as seguintes parellas:



  • Adrián e Carlos de 4º


  • Álvaro e Sabela de 3º


  • Iago e Alexandre de 2º


  • Clara e Lorena de 1º

Estade atentos ao cartaz do corredor onde vos iremos avisando das datas de cada unha das quendas. O mércores 30 continuamos! Non faltedes: a competición vai gañando emoción conforme nos imos achegando á final.




18 nov 2011

CONTRASINAL



LEMBRADE! O próximo luns 21, no recreo e na aula de usos múltiples, terá lugar a primeira fase do concurso CONTRASINAL que organiza o EDL xunto co Departamento de Galego. Unha vez seleccionadas as parellas que representarán a cada clase, a primeira quenda correspóndelles aos dous grupos de 4º. Tedes no corredor o cartaz coas bases, coas regras e co marcador para que poidades seguir a competición.

Non faltedes! Promete ser entretido!!

3 nov 2011

RECURSOS PARA A APRENDIZAXE

Unha novidade nesta sección: coa chegada de Fátima Ruibal ao Departamento de Galego chegou tamén o seu blog: GALEGOparaTIc .


Un blog ben completo en recursos de todo tipo, con moitas posibilidades de exercicios e actividades interactivas que Fátima vai actualizando en función dos contidos que se están a traballar nas aulas.

Así que, aí vos "desviamos". Picade no enlace e tedes acceso directo.

28 oct 2011

CUNQUEIRO, tamén no cinema

Este venres estréase Sinbad nos cinemas galegos. É unha adaptación da obra de Cunqueiro dirixida por Antón Dobao e protagonizada por Xosé Olveira "Pico",no papel de Sinbad e Sara Casanovas, Luís Zahera ou Antonio Durán "Morris", entre outros actores e actrices.

Sinbad, extraordinario fabulador, conta as súas viaxes pasadas, reais ou non, aos seus compañeiros diarios de café e dominó na taberna. O dono desta, Mansur, é viúvo e tén unha filla preadolescente, Sara. Sinbad mantén con ela unha relación moi afectuosa. Acompáñaa ás veces á escola e apréndelle cousas do mar e das estrelas. Sara é a mellor receptora de todos os contos que narra Sinbad. Historia baseada na novela de Álvaro Cunqueiro Si o vello Sinbad volvese ás illas. Iniciouse a rodaxe o 9/5/2011e estréase nas salas comerciais o 28/10/2011 (6 salas en VO galego). A súa estrea na CRTVG está prevista para decembro de 2011.

Xa sabedes, aproveitade! Non hai moitas ocasións de ver cine en galego!

27 oct 2011

HABERÁ PRIMAVERA

César Morán presentou, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, o seu último traballo discográfico: Haberá primavera, un libro-disco co que o músico coruñés homenaxea a Álvaro Cunqueiro, homenaxe que como o propio César comentou:
" non podía deixar de facer no ano no que se celebra o seu centenario".
Esta nova produción de César Morán- que aínda non viu a luz, pero que o fará o 11 do 11 do 2011-contén un disco dobre: un cunha coidada selección de poemas que vai desde a poesía reflexiva contida en Herba aquí e acolá ata a poesía vangardista de Mar ao Norde ou de Poemas do si e do non e outro, no que se recolle a última entrevista concedida por Don Álvaro Cunqueiro un mes antes do seu pasamento, precisamente ao propio César Morán.
No tocante á música, César sorpréndenos cunhas composicións de ritmos variados e ricos que suman emoción ás palabras do poeta. Magníficos músicos, entre eles Uxía Senlle, acompañaron a César nunha gravación de luxo.
En canto publiquen Haberá primaver,terédelo na Biblioteca á vosa disposición. No entanto, se queredes un adianto, picade neste enlace.

18 oct 2011

UNHA BOA E UNHA MALA

Dúas novas sobre lingua e cultura galega nos medios: unha boa e unha mala.
V Televisión estrea unha nova serie: Lendas vivas , 13 capítulos en forma de documentais ficcionados, dedicados ás historias transmitidas en Galicia de xeito oral durante séculos.
No blog o falar non ten cancelas ofrécennnos o primeiro capítulo, por se queredes saber de que vai.
A mala: a desaparición da edición dixital de Xornal de Galicia, outro espazo menos para a lingua galega que ve así notablemente minguada a súa presenza nos medios de comunicación.

11 oct 2011

CENTENARIO DE CUNQUEIRO

Reanudamos as publicacións neste blog-que tiñamos certamente abandonado- cun documental dirixido por Antón Reixa e que vimos no verán na 2ª canle de TVE: un estupendo traballo co que podedes achegarvos á figura de Álvaro Cunqueiro ( Mondoñedo, 22 de decembro de 1911), do que celebramos este ano o centenario do seu nacemento.
O documental reúne imaxes de arquivo nas que o propio Álvaro Cunqueiro fala das súas claves literarias, os seus amigos, os seus gustos… Testemuñas ás que se suman os máis dunha decena de familiares, escritores, críticos, amigos e especialistas como Xoan Bello, Quico Cadaval, Xavier Castro, César Cunqueiro, Juan Ramón Díaz, Luis Mateo Díez, Francisco Fernández del Riego, José María Merino, César Antonio Molina, César Morán, Sacha Ormaechea e Nélida Piñón.




27 jun 2011

DESDE A USC ANÍMANNOS A SEGUIR...OU A EMPEZAR!

Marchamos de vacacións, pero queremos deixarvos aquí uns vídeos de Núñez Singala que nos fan reflexionar e non esquecer... Feliz verán!!

20 jun 2011

REMATANDO O CURSO

O xoves 23 rematamos e no EDL pensamos que, para celebralo, nada mellor que UNHA FESTA DE PALABRAS!! porque sempre é unha festa escoitar a Cándido Pazó, xa habitual nas celebracións do instituto, pero que nos segue sorprendendo e emocionando como a primeira vez.
E nesta ocasión temos, tamén, un convidado novo: Manuel Pardo, o escritor de Bordel, de quen non temos máis que gabanzas, e a quen agardamos con moita ilusión.

Ata a festa!

23 may 2011

20 ANOS DE EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN

A COORDINADORA GALEGA DE ENDL organiza para o día 4 de xuño unha xornada coa que quere dar visibilidade ao traballo realizado polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística ao longo dos 20 anos que levan creados. Nós sumámonos á súa iniciativa e aproveitamos para agradecer a toda a comunidade educativa a súa participación, a súa colaboración e o interese mostrado polas actividades que ata agora levamos desenvolvidas.
























10 may 2011

LETRAS VIVAS: YOLANDA CASTAÑO EN VIÓS



Hoxe tivemos a fortuna de poder asistir no instituto a un recital de Yolanda Castaño. A actividade, organizada a través do Concello de Abegondo, forma parte do programa Letras Vivas e permitiunos celebrar a Festa das Letras dun xeito diferente. A presenza de Yolanda Castaño achéganos á literatura galega contemporánea, supón unha aproximación á realidade literaria e cultural máis viva, máis actual. A mestura que Yolanda fai da palabra escrita e outros medios alternativos, coma o vídeo clip, prendeu no alumnado que quedou, en principio, sorprendido ao comprobar como a poesía rompe as barreiras da escritura e salta ás pantallas e combínase coa imaxe e coa música, creando outra forma distinta de expresión.
"Para min, a maior sorpresa foi comprobar todos os medios que temos ao noso alcance para expresar os nosos sentimentos poéticos, sen limitarnos a un papel en branco"
Sara Uzal
"A poesía de Yolanda Castaño é distinta e moi contemporánea. Usa un vocabulario rebuscado, por veces tétrico, expresivo e con palabras que transmiten moita beleza. Os videoclips que montou coa poesía, non só transmiten sentimentos a través da palabra, senón tamén a través da imaxe"
Cristina Barreiro
"Gustoume a maneira de representar os poemas cos vídeos que, iso si, teñen un toque sinistro; gustoume a súa voz tranquila e a riqueza do seu vocabulario"
Sabela Patiño
"Pareceume unha actividade distinta e entretida. Yolanda inspirábame unha gran confianza e admirei o seu gran talento. Tamén me convenceu para escribir máis, e non só narración: un poema pode dicir moito en moi pouco espazo. O seu estilo pareceume moi diferente e moi ampla a temática que agochan os seus poemas."
Aroa Facal
A Sara Uzal quedáronlle ganas de ver máis videopoemas de Yolanda Castaño, así que, para ti, Sara:


8 may 2011

NOVO DISCO DE DOA: A FRONDA DOS CERVOS

O grupo DOA está estes días a presentar, nas principais cidades galegas, o seu novo disco: A fronda dos cervos e queremos anuncialo aquí porque é un magnífico traballo que vos interesará, sen dúbida, a todos os que gostades da lírica medieval e da boa música. DOA transpórtanos á Idade Media e, a través da magnífica voz da soprano Susana de Lorenzo, gozamos das letras das cantigas de Pero Meogo, oímos o mar de Vigo de Martín Códax, o canto de Mendiño á Illa de San Simón, o escarnio de Airas Nunes... e todo cuns arranxos musicais magníficos- interpretación libre das Cantigas de Alfonso X- frescos e contemporáneos. O libreto contén, ademais, un estudo crítico-literario das cantigas galego-portuguesas realizado polo profesor Federico Pérez e unha fermosa introdución da poeta Eva Veiga. Todo un luxo!

3 may 2011

VISITA A MELGAÇO

Este curso aproveitamos a oportunidade que nos ofreceu o Proxecto Terra do COAG, a través dos seus Intercambios Territoriais e visitamos a vila portuguesa de Melgaço. Esta saída foi realmente un agasallo para o alumnado de 1º de ESO que, durante o segundo trimestre, traballara con moito interese a unidade didáctica de Identidade Territorial, nas aulas de Ciencias Sociais e Lingua Galega.
Foi unha visita de dous días, moi ben aproveitada, na que aprendemos moitísimas cousas, pero sobre todo, tomamos conciencia de todo o que nos une con Portugal: lingua, cultura, tradicións, clima, relevo, paisaxe... certamente, unha mesma identidade que traspasa a fronteira política.
"Eu agradezo moito o convite do Proxecto Terra, sen el non poderiamos gozar de tan bo aloxamento nin da atención dos monitores, que en todo momento intentaron que a nosa viaxe fose satisfactoria. Deime conta de que non temos demasiadas diferenzas, e que eles falasen en portugués, facíame sentir a gusto porque era como o galego. E o mesmo, coa comida; compartimos os mesmos gustos; por exemplo, polo viño, e tamén, algo que me sorprendeu moito, polos churros...! que non esperaba atopar alí." Lidia
" A min paréceme que esta excursión gustoulle a todo o mundo. Foi moi curta e iso quere dicir que o pasamos moi ben. Persoalmente, gustoume moito o ben que conservan o seu patrimonio histórico e tamén me agradou a súa forma de ser, a súa simpatía." Antía
"Unha cousa que me impresionou moito foi a perfecta organización do territorio: os castelos estaban situados nos lugares máis altos, con vistas a todo o val para poder vixiar posibles ameazas. Aprendín o significado de moitas palabras con este traballo: freguesía, grañas, rueiros, brandas, inverneiras..." Nando
"Pareceume unha viaxe moi interesante e divertida pero, sobre todo, moi didáctica e instrutiva. Chamoume a atención a fermosa paisaxe que vimos na subida ao castelo de Castro Laboreiro" Icia
"Sorprendeume moito o ben que nos entendemos cos guías dos lugares que visitamos e todo o que con eles aprendemos: No Parque Nacional Peneda-Gerês, no Museo do Cinema, no Museo da Emigración e do Contrabando...tamén me sorprendeu o albergue: un lugar con moita "clase", moi cómodo e moi divertido" Lucía Tudó
"Cando chegamos ao Parque Nacional da Peneda-Gerês, algunhas compañeiras máis eu comentamos que parecía a América das películas, polas enormes árbores de cor verde forte e polas montañas de rochas e penedos...Non fun capaz de entender case nada do vídeo en portugués, pero si comprendín todo o que o guía, no seu portu-galego, nos explicou. Gustoume moito o museo do cine: encantáronme as lámpadas máxicas!" Sara Parga
" Unha viaxe moi divertida, xa teño ganas de que se repita! Nahuel



14 abr 2011

CAMPAÑA DE PROLINGUA EN DEFENSA DA LNL

A carta aberta ao Presidente da Xunta, coa que Prolingua lle demanda o seu compromiso público coa Lei de Normalización Lingüística, segue sumando apoios. Se ti tampouco queres permanecer indiferente ante os ataques á lingua, podes asinala picando aquí.

7 abr 2011

DIALECTOLOXÍA PARA 4º

Para o alumnado de 4º da ESO, que estades vendo as variedades da lingua na clase, o Departamento de galego déixavos esta presentación que recolle as variedades dialectais para que poidades consultala.







Flores e espiñas do mes de abril

ESPIÑAS para MARINEDA CITY que renega do galego en toda a súa publicidade. Deixámosche o enlace á campaña que Pro-lingua organiza para manifestar o seu descontento. A imaxe collémoslla prestada a Carta Xeométrica!



FLORES para EL puto Coke, orgulloso do galego no seu último traballo: Irmán-GgAa-LEGO. Compróbao no vídeo!!


5 abr 2011

Por que o preguntas?

Nova campaña da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización: esta vez co obxectivo de facernos reflexionar sobre a pervivencia e actualidade dos prexuízos lingüísticos. Se picas na imaxe poderás acceder a unha escolma de actividades e de recursos que nos axudan a mudar as actitudes negativas cara o galego.

30 mar 2011

FRONTEIRAS

Deixámosvos outro vídeo máis para axudarvos no estudo das diferentes variedades xeográficas do galego. Neste caso, é un documental gravado en Ibias, localidade asturiana que linda con Galicia e que comparte con nós lingua e cultura.
A fala de Ibias incluíríase dentro do bloque Oriental (fixádevos por exemplo nos ditongo en "cuando" e "muito" ou a conxunción copulativa "ie") e dentro deste estaría dentro da área asturiana (emprego dos artigos determinados el para o masculino e lo para o neutro e do indeterminado úa). Ao longo do vídeo observamos as diferentes opinións dos propios falantes sobre a clasificación do seu idioma:trátase de galego oriental ou, pola contra, é bable occidental? Escoitalos é suficiente para recoñecer neles a mesma lingua que nós falamos,coas mesmas características dialectais que podemos atopar no concello lucense de Negueira de Muñiz, co que comparte área.A isoglosa que marca a fronteira entre o galego oriental e as falas asturianas e leonesas é a ditongación "ie" e "ue" (piedra e rueda) que, como podemos observar no vídeo, non se dá no galego de Ibias. A fala de Ibias é un claro exemplo da non coincidencia das fronteiras administrativas coas fronteiras lingüísticas.

22 mar 2011

GALEGO NO VAL DE ELLAS

Mirade que interesante traballo sobre A Fala, o galego que se fala no Val de Ellas ( Val de Xálima) en Estremadura. Unha lingua que en palabras de Henrique Costas , lingüista galego e profesor na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo, "está máis viva no Val de Xálima que en Galicia".
Este blog créase polos EDLG dos IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia, Monte Carrasco, de Cangas, e Julio Prieto Nespereira, de Ourense, para compartir os distintos materiais elaborados para unha viaxe planificada ao Val do Eljas. E nós, co seu permiso, aproveitámonos do seu traballo para aportarvos máis información, sobre todo aos que agora estades inmersos no estudo das variedades da lingua e dos Bloques dialectais.
Unha mostra, en vídeo, de anticipo, pero animádevos a entrar no seu blog para saber máis.


DIALECTOLOXÍA

Nova entrega do Departamento de Lingua galega! Aquí queda a presentación sobre Dialectoloxía. A estudar!!

14 mar 2011

RECURSOS PARA A APRENDIZAXE

Como estas semanas o alumnado de 1º e 2º estades estudando os Prexuízos Lingüísticos, o Departamento de galego déixavos aquí estes vídeos que os explican clarísimamente: non quedan dúbidas!.


13 mar 2011

MERCEDES PEÓN, SOS

O pasado venres, 11 de marzo, Mercedes Peón presentou no Teatro Colón da Coruña, o seu último traballo: SOS, un disco "impactante", diferente, máxico, difícil de etiquetar. En SOS, Mercedes Peón expresa, nas súas palabras, unha chea de "emocións, sensacións e reivindicacións" dun xeito novo na música galega, que fai que traspase as fronteiras e a faga universal. Compróbao!

2 mar 2011

ADEUS A FLOCOS.TV

Cando nós estreamos este blog, foi a primeira entrada que puxemos, o primeiro enlace...porque o seu contido era ben interesante: permitíanos estar ao día das novidades na produción audiovisual galega; de flocos.tv sacamos curtas, animacións ou documentais que empregamos para o traballo nas aulas, pero agora : "esta web xa non está operativa". Deixárona morrer, como a tantas outras iniciativas que tanto conviñan á cultura galega... Mágoa!

1 mar 2011

RECURSOS PARA A APRENDIZAXE

Recollemos nesta entrada un par de presentacións realizadas polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, que vos virán moi ben aos de 1º e 2º , agora que empezades a estudar os temas de Sociolingüística.



25 feb 2011

A SEMANA DAS CURTAS



O EDL e a Biblioteca do centro sumámonos á participación neste ciclo virtual de exhibición do audiovisual galego que nos ofrece o EDL do IES Audiovisual de Vigo e a CGENL.
Do 28 de febreiro ata o 11 de marzo proxectaremos na Biblioteca unha selección das curtas incluídas neste proxecto.
Estade atentos! No taboleiro do vestíbulo anunciaremos con tempo cada proxección.

19 feb 2011

BANCO DE PALABRAS

Hoxe, 21 de febreiro, presentamos o vídeo "Banco de palabras" realizado polo EDL. O obxectivo que nos guiou foi a recollida daquelas palabras polas que temos especial querenza, porque llas escoitamos a nosos avós, a nosos pais, a algún veciño... e que non queremos que se perdan. Pensamos que así, compartíndoas, é a única forma de salvalas.
A actividade tivo unha estupenda acollida entre a comunidade educativa: alumnado, profesorado, persoal non docente... e agardamos que teña continuidade, que poidamos gravar máis volumes, que xuntemos un lote de palabras que logo espallaremos para que recuperen o uso que, nós pensamos, merecen.

Untitled from Equipo Normalización Viós on Vimeo.

18 feb 2011

ACTIVIDADES PARA O DÍA DA LINGUA MATERNA

Actividades Torna do teu

Luns 21 ás 13:35 horas:

  • Presentación do vídeo Banco de palabras realizado polo EDL do IES Viós. Para todo o alumnado. En Usos Múltiples.
  • Entrega de agasallos para os participantes no vídeo.

Martes 22 ás 11:30 hs. Na biblioteca:

  • Visionado do documental Los idiomas sí que cuentan editado pola UNESCO.

21 DE FEBREIRO: DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA

A UNESCO quere promover, coa celebración do Día Internacional da Lingua Materna, a diversidade cultural e o multilingüismo, consciente de que os idiomas desempeñan unha función esencial no desenvolvemento, ao garantir a diversidade cultural e o diálogo intercultural.
"As linguas son, de maneira intrínseca, vectores de comprensión dos outros e de tolerancia. O respecto de todos os idiomas é un factor decisivo para garantir a coexistencia pacífica, sen exclusións, de todas as sociedades e, dentro delas, de todos os seus membros". Irina Bokova, Directora xeral da UNESCO. (2010)

Esta presentación, Transmisores da lingua e dos abrazos, chegounos a través de Guada desde San Marcos ( de novo, grazas!). Uns consellos para as nais e os pais con fermosas ilustracións feitas na escola infantil Raiola.

13 feb 2011

POESÍA GALEGA



A nosa entrada anterior tiña, certamente, un ton desesperanzado, pero non imos decaer!! Así que hoxe, 14 de febreiro, empapelamos os corredores do instituto con corazóns cheos de poesía amorosa galega; quizais algún deses versos fique na túa memoria ou no teu corazón ... e iso será suficiente para nós.
E se a poesía galega resulta, entón, obxecto do teu interese, que saibas que desde hai uns días contamos cunha nova páxina, dentro da web do Consello da Cultura: poesiagalega.org, unha base de datos na que poderás atopar textos críticos, imaxes, audios, vídeos documentais, libros xa descatalogados...é dicir, todo o relacionado coa poesía galega dos dous últimos séculos.

12 feb 2011

POR QUE AS BOLBORETAS SE VOLVEN "MARIPOSAS"?

Por que non llo dis en galego?
por que non che vale quérote?
Por que non lle fas garatuxas ou aloumiños?
Por que non lle roubas un bico?
Por que non lle mandas unha aperta?
Por que non sentes bolboretas no estómago?
Preguntas coma estas facémonos estes días no Equipo de Dinamización Lingüística, logo de observar, con moita tristura-todo hai que dicilo-, que de 80 alumnos e alumnas que participaron con entusiasmo na actividade "O Correo do amor" deseñada pola Biblioteca do centro, só 2 escolleron o galego para escribir as súas mensaxes amorosas. Mesmo os que teñen o galego como lingua habitual, cambiaron de lingua para manifestarlle a alguén a súa estima ou o seu amor. Por que?

8 feb 2011

2ª ENTREGA: RECURSOS


Atopamos no blog "COUSAS NOSAS" esta entrada que nos vén de marabilla para completar a nosa anterior. Máis a conto imposible!

RECURSOS PARA A APRENDIZAXE


Estes días estamos a falar moito nas clases de 2º de poesía: de fondo e forma, de temática, de intención poética, de poesía intimista e de poesía social, de compromiso...
Para exemplificar algúns conceptos de forma sinxela e próxima, Óscar, sempre disposto e xeneroso, preparounos desde o seu blog "Mis Apuntes Musicales" esta atractiva presentación dunha peza de Lamatumbá. Disfrútaa e logo falamos!

7 feb 2011

A CUARTA PAREDE

Unha boa nova: a creación da primeira revista dixital de crítica cinematográfica en galego, A CUARTA PAREDE. Editada por Eloy Domínguez e Víctor Paz, que pretenden con ela "encher un oco informativo sen ocupar, como é a promoción especializada dos nosos autores e circuitos de exhibición, na nosa lingua"
A revista contará con seis seccións diferentes entre as que atoparemos: reseñas de filmes, reportaxes, traballos de investigación e entrevistas. Os contidos do portal renovaranse cada seis ou sete semanas, "atendendo ás citas máis importantes do calendario cinematográfico", explican os seus creadores.

RECURSOS PARA A APRENDIZAXE

Recollemos nesta entrada varios materiais que elaborou o Departamento de Lingua e Literatura Galegas e que vos serán de utilidade aos de 1º e 2º que estes días empezaredes a estudar os temas de Sociolingüística. Aquí quedan á vosa disposición.

SOCIOLINGÜÍSTICA'>http://www.calameo.com/books/0001348598d33a21821fa">SOCIOLINGÜÍSTICA 2º ESO
http://v.calameo.com/2.1/cmini.swf?bkcode=0001348598d33a21821fa&langid=es&clickTo=embed&clickTarget=_self&autoFlip=0&showArrows=1&page=1"> name="allowscriptaccess" value="always" />http://v.calameo.com/2.1/cmini.swf" type="application/x-shockwave-flash" allowscriptaccess="always" allowfullscreen="true" wmode="transparent" style="width:340px; height:247px" flashvars="bkcode=0001348598d33a21821fa&langid=es&clickTo=embed&clickTarget=_self&autoFlip=0&showArrows=1&page=1">

31 ene 2011

DÍA DA PAZ

Este abrazo grande mandóunolo Guada desde San Marcos. Grazas,Guada!!

30 ene 2011

DÍA DA PAZ

Unha historia sen palabras, porque non lle fan falta. Unha historia que nos fai reflexionar e que nos anima, porque hai esperanza.

OSCURO CARDINAL from adrianguerra on Vimeo.


Esta curta atopámola en trafegandoronseis, un blog magnífico e, sobre todo, moi xeneroso. Entrade nel. Asombrádevos coa cantidade de traballos que foron xuntando, navegando na rede, entre outros moitos blogs educativos.Tedes á vosa disposición unha morea de materiais para lembrar este día: curtas, animacións, presentacións, recomendacións lectoras, música...
Non deixedes de entrar: de verdade, vale a pena!

27 ene 2011

RECURSOS PARA A APRENDIZAXE

Esta vez, os recursos son para o alumnado de 4º curso. Aquí vos queda unha presentación cos conceptos do tema de sociolingüística que estades traballando na clase.Pica e amplía a imaxe para vela ben.

10 ene 2011

VISITA DE ANXO FARIÑA




Hoxe os alumnos e alumnas de primeiro tiveron a fortuna de disfrutar da compañía de Anxo Fariña; a fortuna de aprender con el algunhas técnicas da ilustración e os principios básicos para a creación dunha historia.
A visita de Anxo Fariña encádrase dentro do programa Bocaberta, co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca promover o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos, e conta coa colaboración do Concello de Abegondo.
Era unha visita ben agardada, pois o alumnado de primeiro, que leu o 1º libro dos Megatoxos no trimestre pasado, estaba desexando coñecer o creador deses superheores cos que tanto disfrutaron.

Varios alumnos comentaron ao final do obradoiro, ante as cámaras da TVG que viñeron gravalos, que a mellor conclusión que sacaron é que, con interese e imaxinación, é doado crear a túa propia historia e que calquera obxecto, por miúdo e insignificante que sexa, pode transformarse en obxecto artístico.
Quen sabe...!Quizais das aulas de 1º saian historias ou personaxes que cheguen a ver a luz!!