3 nov 2010

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO
























Hoxe celébrase, por primeira vez, o Día da Ciencia en Galego, pero de certo será unha data que, a partir de agora, lembraremos cada ano, como facemos con outras tan significativas para a nosa lingua.
Nesta xornada son tres as figuras que se quere homenaxear: Ramón María Aller Ulloa (1878-1966) matemático e astrónomo galego; James Clarck Maxwell (1831-1879), físico escocés e Afonso X o Sabio(1221-1284).
Na web cienciaengalego.org podedes atopar información interesante e na páxina da coordinadora galega de equipos de normalización, unha boa selección de actividades que demostran que a aprendizaxe das ciencias, das matemáticas, da tecnoloxía...é posible en galego, por máis atrancos que lle poñan!

2 nov 2010

PALABRAS ENCADEADAS

Onte, 2 de novembro, fomos ao teatro os de 3º e 4º. Talía Teatro representaba a obra Palabras encadeadas. Esta é a terceira obra que vemos deste grupo que non deixa de sorprendernos e de conmovernos coas súas postas en escena.

Velaquí algúns comentarios dos compañeiros de 3º:


Pareceume unha gran obra; sempre tiñas que estar pendente do que pasaba para non perder o fío...nunca sabías o que ía pasar.Tanto podían poñerse a xogar ás palabras encadeadas, como poñerse a falar da súa vida, ou gastar bromas de moi mal gusto...( Isaac Araújo)

Os actores fixérono moi ben; sobre todo, Ramón, que tiña que representar dous papeis: un para facer crer a Laura que era inocente e outro, acto seguido, para que crese que era culpable. (Lucía Gándara)

Pareceume unha obra moi interesante, estaba moi ben representada; ata me engaiolaban a min mesmo, xa que Ramón dicía cousas distintas sobre os asasinatos: primeiro culpándose, despois desculpándose...(José Corral)

É unha obra moderna e sorprendente. Gustoume moito. (Andrea Méndez)

Gustoume moitísimo como Ramón enganaba a todo o público facendo que unha e outra vez lle deramos voltas ao asunto...(Tamara Núñez)

Gustoume tanto pola súa credibilidade, como polo seu argumento... ( Carlos Brandariz)

26 oct 2010

DE VOLTA!

Estamos de volta!
Tardamos en "conectarnos", pero aquí estamos outra vez. O EDL proponse como obxectivo principal para este curso achegarvos a todas as manifestacións culturais en galego ( teatro, cine, concertos, contacontos...) que nos sexa posible. Estamos dispostos a apuntarnos a todo; o límite poñerao - coma sempre- o orzamento co que contamos, non esquezades que tamén a nós nos afecta a crise e os recortes orzamentarios.
Para empezar, aí vai a primeira proposta: o día 2 de novembro convidamos ao alumnado de 3º e 4º á representación da obra Palabras encadeadas do grupo Talía Teatro. Será no Forum Metropolitano e seguro que disfrutaremos ( lembrade as outras postas en escena que vimos deste grupo e que sempre nos emocionaron). En xaneiro os convidados serán os de 1º e a obra escollida RÚA AIRE da compañíaO retrete de Dorian Gray.

7 jun 2010

O CONSELLO ESCOLAR REXEITA O NOVO DECRETO



O Consello Escolar do IES de Viós , na reunión do pasado 4 de xuño, acordou por unanimidade manifestar o seu rexeitamento do Decreto de plurilingüismo no ensino por considerar que:



  • Empeórase a, xa de por si deficiente, competencia lingüística en galego.


  • Impídese a tarefa normalizadora do profesorado.


  • Desvalorízase a función docente e a súa profesionalidade.


  • Socava a autoridade do profesorado ao lanzar ao alumnado a idea de que o profesorado fai o que decide a familia, mentres que o alumnado decide ao seu antollo.


  • Abre a porta a numerosos conflitos nos centros, que antes da aplicacaión desta norma non existían.


  • É unha norma contraria ao consenso parlamentario do Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia no 2004.


Así mesmo, na reunión anterior, manifestara o seu descontento ante os recortes nas axudas que a Secretaría de Política Lingüística destina este curso aos Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística, recortes que, coma no noso caso, chegan a un 30% e que supoñen un atranco á hora de realizar as actividades que o ENDL deseña para acadar os seus obxectivos.

27 may 2010

QUE VAI SUPOÑER O NOVO DECRETO?



Se te fas esta pregunta, podes atopar algunhas respostas nunha presentación moi clara e concisa (ademais de atractiva) que a Coordinadora galega de Equipos de Normalización ten colgada na súa páxina.
Non tes máis que pinchar neste enlace e accederás directamente a ela. Sairás de dúbidas!

6 may 2010

PASOU O DÍA, PASOU A ROMARÍA

O mércores 5 celebramos a nosa particular Festa das Letras. Pasamos un día estupendo; moi entretido grazas ás actividades que o alumnado do Taller de Iniciativas Emprendedoras organizou para nós: O grupo Migallas fíxonos rir ( tamén reflexionar sobre a actual situación da nosa lingua); comemos todos xuntos; vimos a película Os mortos van ás presas, gravamos as nosas palabras para o Banco de palabras, recibimos o número extraordinario do Boletín do ENDL, bailamos ao son que marcaba a música pinchada polos DJ's David e Iago...
Total: que non paramos.
Nos corredores do Instituto seguen colgadas as dúas exposicións:
  • A dos Boletíns do ENDL dende 1999
  • A dos cartaces de Uxío Novoneyra enviada por Política Lingüística
Queremos lembrarvos que continuamos coas gravacións para o Banco de palabras. Se aínda non gardaches as túas, estás a tempo. Atoparasnos nos recreos, na Biblioteca.



29 abr 2010

FESTA RACHADA!!!


A semana do 3 ao 7 de maio en Viós estamos de festa!!! Que celebramos? Pois moitas cousas: os dez anos do BNL, as Letras Galegas, si, antes do 17 de maio, porque somos así de chulos, porque nos peta, queremos e nos dá a gana (ademais de certos problemillas para encaixar datas).
Así que, veña, aí vai o programa de actividades:
  • BANCO DE PALABRAS: Cos tempos que corren, tes medo pola sorte que poden correr as túas palabra s, esas que recordas con especial agarimo e xa non te fías de que alguén mire por elas? ESQUÉCETE: O Banco de Palabras do ENDL de Viós ofréceche a mellor garantía para o futuro das túas palabras; somos líderes en conservación, connosco as túas palabras están nas mellores mans ( e sen custo algún para o depositante). Vai pensando cales son as máis valiosas para ti e nós ofrecémosche a seguranza da súa conservación.
  • Do 3 ao 7 de maio: Exposición dos Boletíns do ENDL na entrada do IES.
  • Martes 4 de maio: Presentación na biblioteca ás 11,30 hs. "Dez anos de Boletín do ENDL"
  • Mércores 5 de maio: Festa das Letras Galegas, organizada polos alumnos de Obradoiro de iniciativas emprendedoras co horario seguinte:
    • De 9 a 11,25 hs: Clase normal.
    • 11,25 hs: Entrega do número especial do BNDL curso 2009-2010, coa colaboración especial na súa elaboración de ex-alumnos e ex-profes do Centro.
    • De 11,30 hs. a 12 hs: recreo.
    • 12 hs: Grupo Migallas co espectáculo O cantante e as mulleres.
    • 13,30 hs: Preparación do xantar.
    • 14 hs: Xantar campestre.
    • 15,15 hs. Proxección do filme Os mortos van ás présas.
    • 16,45 hs: DJ
    • 17.50 hs: Recollemos e " pa casiña, que son horas"
A desfrutar! A nosa lingua ben merece unha festa!

23 abr 2010

UXÍO NOVONEYRA: LIÑAS DO TEMPO

Da páxina da Coordinadora galega de Equipos de Normalización sacamos esta liña de tempo coa que podes coñecer algúns dos feitos máis salientables da vida e da obra de Uxío Novoneyra, ordenados cronoloxicamente. Móvete por ela, amplía as imaxes e detente nas páxinas que máis che interesen.



20 abr 2010

UXÍO NOVONEYRA NA REDE

Que sorprendente e xeneroso este mundo virtual! Segue asombrando a capacidade infinita de compartir que nos ofrece. Estes días, cercanos á celebración do Día Das Letras Galegas, no que homenaxeamos a Uxío Novoneyra, as redes énchense de estudos, de vídeos, de escolmas da súa obra en forma de atractivas presentacións...traballos realizados en lugares distantes, por xente que non coñecemos-pero que sabemos xenerosa- cos que podemos disfrutar e dos que podemos aprender moitísimo; e todo cunha facilidade e unha inmediatez que segue admirando.
Non hai escusa: non aprendemos se non queremos.
Aquí queda unha mínima mostra do que podedes atopar visitando páxinas coma a da Coordenadora Galega de Equipos de Normalización, ou coma a da AS-PG, ou toda unha morea de blogs que conteñen estupendas referencias á vida e obra do poeta do Courel: podedes velo, oílo recitar os seus poemas, coñecer a súa traxectoria literaria...
Entrade e disfrutade!







11 abr 2010

VISITA AO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO XOGO TRADICIONAL "BRINQUEDOS"

Como xa sabedes, un dos obxectivos fixados polo ENDL é a conservación e promoción do noso patrimonio inmaterial e , para acadalo, programamos- xunto co Departamento de Educación Física- unha visita ao concello da Capela. Fomos o pasado día 9 as alumnas e alumnos de 1º de ESO e abofé que aproveitamos a mañá.
Primeiro visitamos o Museo Etnográfico: unha magnífica colección de útiles, ferramentas, apeiros e obxectos que recrean, nunha fermosa rectoral rehabilitada, a vida cotiá labrega doutros tempos. Moi interesantes as explicacións sobre oficios e ocupacións case esquecidas: os traballos do liño, da lá, da malla, dos zoqueiros, dos follateiros, dos xastres, das tecelás...
Logo fomos para o CEIP Mosteiro de Caaveiro onde disfrutamos practicando unha serie de xogos tradicionais- tamén cotiáns noutros tempos e hoxe en semi-abandono- no espazo que este colexio creou hai uns anos como Centro de Interpretación do Xogo Tradicional. Unha mañá de sol perfecta para xogar, para aprender e sobre todo, para non esquecer.