26 nov 2010
RECURSOS PARA A APRENDIZAXE
Outra forma diferente de contar a HISTORIA DA LINGUA esta vez contada con moito humor polo escritor Pepe Carreiro. Esta vaivos gustar, seguro!! Aínda vai ser verdade que estudar é divertido!!
RECURSOS PARA A APRENDIZAXE
O Departamento de Galego está elaborando unha serie de materiais complementarios que, supoñemos, van ser unha boa axuda para a aprendizaxe dalgúns contidos que teredes que adquirir ao longo deste curso. Pensamos aloxalos neste blog para que os teñades a man; para que o acceso a eles sexa rápido e doado. Iremos colgando tamén outros materiais que consideremos proveitosos para vós; así que, pasádevos por aquí de vez en cando para ver as novidades.
Empezamos coa HISTORIA DA LINGUA GALEGA nunha liña do tempo que esperamos vos axude a comprender mellor as diferentes situacións de uso polas que a lingua galega foi pasando a través da súa historia. As imaxes e os multimedia que contén , seguro que vos fan máis doada e atractiva a aprendizaxe deste tema.
25 nov 2010
DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
O Consorcio das Mariñas súmase aos actos que hoxe se celebran en todo o mundo para manifestar o seu NON! á violencia de xénero. Hoxe, 25 de novembro, presentaron este vídeo dentro da campaña UNHA SOA VOZ CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.
19 nov 2010
POLO SAN MARTIÑO...
Nunha entrada anterior, animabámosvos a coller de novo os peóns e sacalos ao camiño; facelos bailar e divertirvos un pouco. Por se perdestes a práctica, aquí vos deixamos un vídeo. Ides ficar pampos, seguro! É incrible o que se pode facer cun peón. Iso si, como todo se moderniza, estes son acrobáticos...
11 nov 2010
DÍA DO PEÓN

Como en anos anteriores, recollemos a chamada que Brinquedia, a rede galega de xogo tradicional, fai o 11 de novembro. Unha chamada de atención á nosa memoria colectiva, un xeito divertido de manter vivo o noso patrimonio inmaterial.
Divertido, si. Proba a facer bailar o peón, a bailalo sobre a palma da man, a bater nun peón que baila no chan...
Lembra que no Departamento de Educación Física hai unha boa colección de peóns; pídeos sempre que che apeteza probar!
Din os refráns:
"Polo san Martiño, peóns ao camiño"
"Polo santo Antón, peóns ao caixón"
Tradicionalmente foi sempre un xogo estacional, pero nós témolos á túa disposición todo o curso! Aproveita!
3 nov 2010
DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

Hoxe celébrase, por primeira vez, o Día da Ciencia en Galego, pero de certo será unha data que, a partir de agora, lembraremos cada ano, como facemos con outras tan significativas para a nosa lingua.
Nesta xornada son tres as figuras que se quere homenaxear: Ramón María Aller Ulloa (1878-1966) matemático e astrónomo galego; James Clarck Maxwell (1831-1879), físico escocés e Afonso X o Sabio(1221-1284).
Na web cienciaengalego.org podedes atopar información interesante e na páxina da coordinadora galega de equipos de normalización, unha boa selección de actividades que demostran que a aprendizaxe das ciencias, das matemáticas, da tecnoloxía...é posible en galego, por máis atrancos que lle poñan!
2 nov 2010
PALABRAS ENCADEADAS

Onte, 2 de novembro, fomos ao teatro os de 3º e 4º. Talía Teatro representaba a obra Palabras encadeadas. Esta é a terceira obra que vemos deste grupo que non deixa de sorprendernos e de conmovernos coas súas postas en escena.
Velaquí algúns comentarios dos compañeiros de 3º:
Pareceume unha gran obra; sempre tiñas que estar pendente do que pasaba para non perder o fío...nunca sabías o que ía pasar.Tanto podían poñerse a xogar ás palabras encadeadas, como poñerse a falar da súa vida, ou gastar bromas de moi mal gusto...( Isaac Araújo)
Os actores fixérono moi ben; sobre todo, Ramón, que tiña que representar dous papeis: un para facer crer a Laura que era inocente e outro, acto seguido, para que crese que era culpable. (Lucía Gándara)
Pareceume unha obra moi interesante, estaba moi ben representada; ata me engaiolaban a min mesmo, xa que Ramón dicía cousas distintas sobre os asasinatos: primeiro culpándose, despois desculpándose...(José Corral)
É unha obra moderna e sorprendente. Gustoume moito. (Andrea Méndez)
Gustoume moitísimo como Ramón enganaba a todo o público facendo que unha e outra vez lle deramos voltas ao asunto...(Tamara Núñez)
Gustoume tanto pola súa credibilidade, como polo seu argumento... ( Carlos Brandariz)
26 oct 2010
DE VOLTA!

Estamos de volta!
Tardamos en "conectarnos", pero aquí estamos outra vez. O EDL proponse como obxectivo principal para este curso achegarvos a todas as manifestacións culturais en galego ( teatro, cine, concertos, contacontos...) que nos sexa posible. Estamos dispostos a apuntarnos a todo; o límite poñerao - coma sempre- o orzamento co que contamos, non esquezades que tamén a nós nos afecta a crise e os recortes orzamentarios.
Para empezar, aí vai a primeira proposta: o día 2 de novembro convidamos ao alumnado de 3º e 4º á representación da obra Palabras encadeadas do grupo Talía Teatro. Será no Forum Metropolitano e seguro que disfrutaremos ( lembrade as outras postas en escena que vimos deste grupo e que sempre nos emocionaron). En xaneiro os convidados serán os de 1º e a obra escollida RÚA AIRE da compañíaO retrete de Dorian Gray.
7 jun 2010
O CONSELLO ESCOLAR REXEITA O NOVO DECRETO

O Consello Escolar do IES de Viós , na reunión do pasado 4 de xuño, acordou por unanimidade manifestar o seu rexeitamento do Decreto de plurilingüismo no ensino por considerar que:
- Empeórase a, xa de por si deficiente, competencia lingüística en galego.
- Impídese a tarefa normalizadora do profesorado.
- Desvalorízase a función docente e a súa profesionalidade.
- Socava a autoridade do profesorado ao lanzar ao alumnado a idea de que o profesorado fai o que decide a familia, mentres que o alumnado decide ao seu antollo.
- Abre a porta a numerosos conflitos nos centros, que antes da aplicacaión desta norma non existían.
- É unha norma contraria ao consenso parlamentario do Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia no 2004.
Así mesmo, na reunión anterior, manifestara o seu descontento ante os recortes nas axudas que a Secretaría de Política Lingüística destina este curso aos Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística, recortes que, coma no noso caso, chegan a un 30% e que supoñen un atranco á hora de realizar as actividades que o ENDL deseña para acadar os seus obxectivos.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)