22 may 2012

Encontro con David Pintor







A Semana da Letras trouxo tamén ao noso centro diversos actos festivos. Un deles foi a visita do ilustrador David Pintor, o cincuenta por cento de Pinto e Chinto. David explicounos que el representa a metade máis especializada na ilustración da parella creativa , e da man da ilustración levounos á caricatura.

 Logo de contarnos que foi Siro, o coñecido ilustrador ferrolán, quen impulsou esta parella de debuxantes, David Pintor deunos as claves para introducirnos na elaboración de caricaturas. E, claro, as dos políticos sempre se prestan para rir a cachón!

10 may 2012

Encontros con Núñez Singala

No EDL estamos convencidos  de que estas van ser unhas semanas moi proveitosas para todos os que desexamos que a presenza do galego vaia en aumento no noso centro. Comezamos o luns coa visita do equipo artístico da película Vilamor. Fixéronnos reflexionar sobre a importancia de mostrar a cultura galega no mundo do cinema...
Continuamos o mércores coa visita de Manuel Núñez Singala, que falou co alumnado de 3 º e 4º de simplificacións e prexuízos sobre a lingua galega. A través dunha atractiva presentación, e dun xeito ben ameno, axudounos a desmontar algúns dos prexuízos máis comúns e que perviven aínda na mente de moitos galegos.
Deixamos aquí unha mini galería de fotos. Para lembrar...

E aínda nos queda, xa volo anunciamos, a visita de Pinto e Chinto  o día 16!

7 may 2012

Unha de cine: Vilamor

O luns 7 maio chegou ao centro unha onda de ilusión por un mundo mellor. Nós decidimos deixarnos ir e tentar facelo realidade. Da man dos actores e do director de Vilamor, a última película de Ignacio Vilar, soubemos dos procesos de facer unha longametraxe, asistimos a unha representación dunha secuencia, achegámonos á sinopse de boca dos seus actores...

Vilamor por Viós on PhotoPeach


 Agora tendes que animarvos a participar cun vídeo voso na iniciativa "tes que vela"; aquí vos quedan as bases do concurso. E, claro, quedamos para vela?


Trailer Vilamor from Vilamor on Vimeo.

25 abr 2012

Xincana en Mondoñedo co IES Elviña







Da man de Álvaro Cunqueiro, naceu unha xornada lúdica, literaria, histórica... amigable por Mondoñedo e pola Mariña oriental. Dous grupos de 4º ESO, un do IES Elviña e outro do IES de Viós, achegámonos o pasado 19 de abril á vila natal de varios mindonienses ilustres: Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Noriega Varela e Pascual Veiga. Alí, realizamos unha xincana que nos levou á ponte do Pasatempo, á pouco convencional tumba de Leiras Pulpeiro... Ten o seu aquel ler alí mesmo o famoso epitafio de Cunqueiro!

 Logo, sumámoslle á xornada un xantar en Ribadeo, un paseo por esta vila con vistas á veciña Asturias, unha sesión fotográfica nas praia das Catedrais, unha visita ao primeiro Mondoñedo, o de Foz! A este día completiño deulle verdadeiro sentido e unidade o obxectivo principal da actividade: coñecer xente nova, é dicir, as verdadeiras redes sociais! Agora quedamos e falamos nas outras, para argallarmos xuntos mil primaveras máis e para que se namore quen poida! 
Mil primaveras máis... on PhotoPeach

30 mar 2012

Novo dicionario en liña da RAG



Deixamos aquí o enlace a unha ferramenta moi esperada e que supoñemos será de moita utilidade para todos vós: o dicionario electrónico da RAG xa se pode consultar en rede. Ides ver como o seu manexo é moi doado e moi completa a información que aporta: arredor de 50.000 entradas co seu significado , información gramatical, sinónimos, antónimos, exemplos de uso, familia léxica... todo o que precisamos para o uso correcto da nosa lingua.
Un novo recurso que agradecemos os que andamos enleados coas palabras.

8 mar 2012

DÍA DA MULLER TRABALLADORA


Hoxe, 8 de marzo, conmemoramos no IES o Día Internacional da Muller , e tivemos a sorte de poder facelo dende o particular punto de vista do humor do Carrabouxo. As súas viñetas leváronnos a reflexionar, dende a ironía ou a caricatura, sobre a situación da muller na sociedade actual. Desde esta páxina, queremos agradecer ao IES O Mosteirón o préstamo desta exposición da que puidemos tirar proveito.

26 feb 2012

Mini atlas xeobotánico de Galicia

Estupenda web que queremos compartir convosco. Vímola en Carta Xeométrica e pareceunos que sería inescusable non poñela aquí a disposición de todos os que estades, por unha razón ou por outra, interesados en saber máis sobre os espazos xeobotánicos de Galicia. Creada por Mª Jesús Mourazos González, esta web resulta un atractivo recurso educativo que nos permíte identificar as árbores máis comúns, os matos, as plantas, os fentos... e a distinguir as características dos seus hábitats, entre outras moitas cousas, pero sobre todo, aprenderemos a nomear o que nos rodea.
Copiamos a frase da portada da web: "Se ignoras o nome das cousas, desaparece tamén o que sabes delas" Carl von Linné 1755

16 feb 2012

Amoriños collín...


No IES de Viós celebramos a nosa particular gala do amor o martes 14 de febreiro. Foi a cerimonia de entrega de premios do noso Corcurso de microrrelatos Amoriños collín... en 100 palabras.

Botámolo a andar o Departamento de Lingua Galega e Literatura e mais o Equipo Normalización e Dinamización Lingüística. Comezamos mergullánnos na técnica do microrrelatos, cunha escolma deles tirada de Nin che conto, de Xosé Manuel Eyré. Axudouno tamén un decálogo adaptado da Cadena SER. Así, foi todo o alumnado elaborando os seus propios microrrelatos: literatura da terra, literatura en galego!

Deixámosvos aquí unhas imaxes da nosa gala de microrrelatos, na que poderedes ler o texto gañador e tamén os tres accésits que decidiu outorgar o xurado. Parabéns ao gañador e felicidades tamén os tres autores das mencións especiais.

E como se dixo na gala, non sexades malos; deixádevos querer, agora e sempre, pola literatura, polos libros e pola lingua galega!

5 feb 2012

XULIA: Que magnífico exemplo!



AMORIÑOS COLLÍN...

Xa está posto en marcha o concurso de microrrelatos Amoriños collín... que organizamos entre o EDL e o Departamento de Lingua Galega. A estas alturas, todos debedes saber que é e que non é un microrrelato e coñecedes as bases do concurso, expostas nos corredores,só queda animarvos a participar. Lembrade que o prazo para depositalos na urna - na biblioteca-remata o mércores 8. Os microrrelatos presentados estarán expostos no espazo da lingua do vestíbulo. Animádevos!! Ten premio!!