29 abr 2010

FESTA RACHADA!!!


A semana do 3 ao 7 de maio en Viós estamos de festa!!! Que celebramos? Pois moitas cousas: os dez anos do BNL, as Letras Galegas, si, antes do 17 de maio, porque somos así de chulos, porque nos peta, queremos e nos dá a gana (ademais de certos problemillas para encaixar datas).
Así que, veña, aí vai o programa de actividades:
  • BANCO DE PALABRAS: Cos tempos que corren, tes medo pola sorte que poden correr as túas palabra s, esas que recordas con especial agarimo e xa non te fías de que alguén mire por elas? ESQUÉCETE: O Banco de Palabras do ENDL de Viós ofréceche a mellor garantía para o futuro das túas palabras; somos líderes en conservación, connosco as túas palabras están nas mellores mans ( e sen custo algún para o depositante). Vai pensando cales son as máis valiosas para ti e nós ofrecémosche a seguranza da súa conservación.
  • Do 3 ao 7 de maio: Exposición dos Boletíns do ENDL na entrada do IES.
  • Martes 4 de maio: Presentación na biblioteca ás 11,30 hs. "Dez anos de Boletín do ENDL"
  • Mércores 5 de maio: Festa das Letras Galegas, organizada polos alumnos de Obradoiro de iniciativas emprendedoras co horario seguinte:
    • De 9 a 11,25 hs: Clase normal.
    • 11,25 hs: Entrega do número especial do BNDL curso 2009-2010, coa colaboración especial na súa elaboración de ex-alumnos e ex-profes do Centro.
    • De 11,30 hs. a 12 hs: recreo.
    • 12 hs: Grupo Migallas co espectáculo O cantante e as mulleres.
    • 13,30 hs: Preparación do xantar.
    • 14 hs: Xantar campestre.
    • 15,15 hs. Proxección do filme Os mortos van ás présas.
    • 16,45 hs: DJ
    • 17.50 hs: Recollemos e " pa casiña, que son horas"
A desfrutar! A nosa lingua ben merece unha festa!

23 abr 2010

UXÍO NOVONEYRA: LIÑAS DO TEMPO

Da páxina da Coordinadora galega de Equipos de Normalización sacamos esta liña de tempo coa que podes coñecer algúns dos feitos máis salientables da vida e da obra de Uxío Novoneyra, ordenados cronoloxicamente. Móvete por ela, amplía as imaxes e detente nas páxinas que máis che interesen.



20 abr 2010

UXÍO NOVONEYRA NA REDE

Que sorprendente e xeneroso este mundo virtual! Segue asombrando a capacidade infinita de compartir que nos ofrece. Estes días, cercanos á celebración do Día Das Letras Galegas, no que homenaxeamos a Uxío Novoneyra, as redes énchense de estudos, de vídeos, de escolmas da súa obra en forma de atractivas presentacións...traballos realizados en lugares distantes, por xente que non coñecemos-pero que sabemos xenerosa- cos que podemos disfrutar e dos que podemos aprender moitísimo; e todo cunha facilidade e unha inmediatez que segue admirando.
Non hai escusa: non aprendemos se non queremos.
Aquí queda unha mínima mostra do que podedes atopar visitando páxinas coma a da Coordenadora Galega de Equipos de Normalización, ou coma a da AS-PG, ou toda unha morea de blogs que conteñen estupendas referencias á vida e obra do poeta do Courel: podedes velo, oílo recitar os seus poemas, coñecer a súa traxectoria literaria...
Entrade e disfrutade!







11 abr 2010

VISITA AO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO XOGO TRADICIONAL "BRINQUEDOS"

Como xa sabedes, un dos obxectivos fixados polo ENDL é a conservación e promoción do noso patrimonio inmaterial e , para acadalo, programamos- xunto co Departamento de Educación Física- unha visita ao concello da Capela. Fomos o pasado día 9 as alumnas e alumnos de 1º de ESO e abofé que aproveitamos a mañá.
Primeiro visitamos o Museo Etnográfico: unha magnífica colección de útiles, ferramentas, apeiros e obxectos que recrean, nunha fermosa rectoral rehabilitada, a vida cotiá labrega doutros tempos. Moi interesantes as explicacións sobre oficios e ocupacións case esquecidas: os traballos do liño, da lá, da malla, dos zoqueiros, dos follateiros, dos xastres, das tecelás...
Logo fomos para o CEIP Mosteiro de Caaveiro onde disfrutamos practicando unha serie de xogos tradicionais- tamén cotiáns noutros tempos e hoxe en semi-abandono- no espazo que este colexio creou hai uns anos como Centro de Interpretación do Xogo Tradicional. Unha mañá de sol perfecta para xogar, para aprender e sobre todo, para non esquecer.



26 mar 2010

HUMOR GRÁFICO













Visitamos o blog de Xoán Andrade e atopamos unhas pingas de humor gráfico- e crítico - que queremos compartir contigo. Escollemos unha  das que tratan  o tema da lingua, pero se queres  ver máis...  pica no enlace:

17 mar 2010

MÁIS SOBRE TOPONIMIA

Dá para moito o tema da toponimia! Non é só o inverosímil emprego de Toro, Puentenuevo ou Desván de los Monjes...Alguén ten que ter competencia para amañar as desfeitas coas que nos atopamos en tantos lugares. Como é posible, aínda hoxe, ver tres sinais coma estes que indican a chegada a unha poboación do noso concello? Que razón teñen os do chiste anterior!!

12 mar 2010

DESVÁN DE LOS MONJES

Atopamos este chiste no blog da Silva que nos fixo tanta graza, que queremos compartilo convosco. Hai que tomar con humor- para non desesperar- os deslices lingüísticos e atentados toponímicos das nosas autoridades, que, no canto de velar pola normalización e a corrección que o seu posto implica, cometen sen rubor as máis grandes aberracións.

9 mar 2010

REDES SOCIAIS

PARA NAVEGANTES GALEGO FALANTES!

Se es dos ou das que navegan por internet para ver que traen as redes, que saibas que os galegos xa temos o noso propio “twitter” co nome de latri.ca. Ademais de ser moi semellante ao twitter que xa coñecemos, incorpora algunhas novidades: amplía o número de caracteres que podes publicar, dos 140 do twitter aos 200; permite formar grupos, e por suposto, a información fundamentalmente vira ao redor de Galiza e da nosa cultura .Podes enviar mensaxes, fotos e vídeo a calquera! É doado atopar e conectarse con outras persoas para falar con eles e facer un seguimento das súas actualizacións. Todo isto cun contorno sinxelo é Latri.ca.

24 feb 2010

SEGUIMOS EN CAMPAÑA !

Temos outro vídeo máis elaborado pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización dentro da campaña Orgullos@s do galego.
Esta vez, unha moza galega e un mozo brasileiro que se coñeceron en Nova York e que non tiveron problema para entenderse, porque o galego si ten utilidade.


23 feb 2010

NOVA CAMPAÑA EN DEFENSA DA LINGUA

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización acaba de editar unha campaña en defensa da lingua, un vídeo para o que prestaron as súas voces actores e actrices como Luís Tosar, Martiño Rivas, Belén Regueira, María Castro... músicos como Susana Seivane... voces que mostran o seu orgullo de ser 100 % galegos.