30 mar 2011

FRONTEIRAS

Deixámosvos outro vídeo máis para axudarvos no estudo das diferentes variedades xeográficas do galego. Neste caso, é un documental gravado en Ibias, localidade asturiana que linda con Galicia e que comparte con nós lingua e cultura.
A fala de Ibias incluíríase dentro do bloque Oriental (fixádevos por exemplo nos ditongo en "cuando" e "muito" ou a conxunción copulativa "ie") e dentro deste estaría dentro da área asturiana (emprego dos artigos determinados el para o masculino e lo para o neutro e do indeterminado úa). Ao longo do vídeo observamos as diferentes opinións dos propios falantes sobre a clasificación do seu idioma:trátase de galego oriental ou, pola contra, é bable occidental? Escoitalos é suficiente para recoñecer neles a mesma lingua que nós falamos,coas mesmas características dialectais que podemos atopar no concello lucense de Negueira de Muñiz, co que comparte área.A isoglosa que marca a fronteira entre o galego oriental e as falas asturianas e leonesas é a ditongación "ie" e "ue" (piedra e rueda) que, como podemos observar no vídeo, non se dá no galego de Ibias. A fala de Ibias é un claro exemplo da non coincidencia das fronteiras administrativas coas fronteiras lingüísticas.

22 mar 2011

GALEGO NO VAL DE ELLAS

Mirade que interesante traballo sobre A Fala, o galego que se fala no Val de Ellas ( Val de Xálima) en Estremadura. Unha lingua que en palabras de Henrique Costas , lingüista galego e profesor na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo, "está máis viva no Val de Xálima que en Galicia".
Este blog créase polos EDLG dos IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia, Monte Carrasco, de Cangas, e Julio Prieto Nespereira, de Ourense, para compartir os distintos materiais elaborados para unha viaxe planificada ao Val do Eljas. E nós, co seu permiso, aproveitámonos do seu traballo para aportarvos máis información, sobre todo aos que agora estades inmersos no estudo das variedades da lingua e dos Bloques dialectais.
Unha mostra, en vídeo, de anticipo, pero animádevos a entrar no seu blog para saber máis.


DIALECTOLOXÍA

Nova entrega do Departamento de Lingua galega! Aquí queda a presentación sobre Dialectoloxía. A estudar!!

14 mar 2011

RECURSOS PARA A APRENDIZAXE

Como estas semanas o alumnado de 1º e 2º estades estudando os Prexuízos Lingüísticos, o Departamento de galego déixavos aquí estes vídeos que os explican clarísimamente: non quedan dúbidas!.


13 mar 2011

MERCEDES PEÓN, SOS

O pasado venres, 11 de marzo, Mercedes Peón presentou no Teatro Colón da Coruña, o seu último traballo: SOS, un disco "impactante", diferente, máxico, difícil de etiquetar. En SOS, Mercedes Peón expresa, nas súas palabras, unha chea de "emocións, sensacións e reivindicacións" dun xeito novo na música galega, que fai que traspase as fronteiras e a faga universal. Compróbao!

2 mar 2011

ADEUS A FLOCOS.TV

Cando nós estreamos este blog, foi a primeira entrada que puxemos, o primeiro enlace...porque o seu contido era ben interesante: permitíanos estar ao día das novidades na produción audiovisual galega; de flocos.tv sacamos curtas, animacións ou documentais que empregamos para o traballo nas aulas, pero agora : "esta web xa non está operativa". Deixárona morrer, como a tantas outras iniciativas que tanto conviñan á cultura galega... Mágoa!

1 mar 2011

RECURSOS PARA A APRENDIZAXE

Recollemos nesta entrada un par de presentacións realizadas polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, que vos virán moi ben aos de 1º e 2º , agora que empezades a estudar os temas de Sociolingüística.



25 feb 2011

A SEMANA DAS CURTAS



O EDL e a Biblioteca do centro sumámonos á participación neste ciclo virtual de exhibición do audiovisual galego que nos ofrece o EDL do IES Audiovisual de Vigo e a CGENL.
Do 28 de febreiro ata o 11 de marzo proxectaremos na Biblioteca unha selección das curtas incluídas neste proxecto.
Estade atentos! No taboleiro do vestíbulo anunciaremos con tempo cada proxección.

19 feb 2011

BANCO DE PALABRAS

Hoxe, 21 de febreiro, presentamos o vídeo "Banco de palabras" realizado polo EDL. O obxectivo que nos guiou foi a recollida daquelas palabras polas que temos especial querenza, porque llas escoitamos a nosos avós, a nosos pais, a algún veciño... e que non queremos que se perdan. Pensamos que así, compartíndoas, é a única forma de salvalas.
A actividade tivo unha estupenda acollida entre a comunidade educativa: alumnado, profesorado, persoal non docente... e agardamos que teña continuidade, que poidamos gravar máis volumes, que xuntemos un lote de palabras que logo espallaremos para que recuperen o uso que, nós pensamos, merecen.

Untitled from Equipo Normalización Viós on Vimeo.

18 feb 2011

ACTIVIDADES PARA O DÍA DA LINGUA MATERNA

Actividades Torna do teu

Luns 21 ás 13:35 horas:

  • Presentación do vídeo Banco de palabras realizado polo EDL do IES Viós. Para todo o alumnado. En Usos Múltiples.
  • Entrega de agasallos para os participantes no vídeo.

Martes 22 ás 11:30 hs. Na biblioteca:

  • Visionado do documental Los idiomas sí que cuentan editado pola UNESCO.