26 feb 2012

Mini atlas xeobotánico de Galicia

Estupenda web que queremos compartir convosco. Vímola en Carta Xeométrica e pareceunos que sería inescusable non poñela aquí a disposición de todos os que estades, por unha razón ou por outra, interesados en saber máis sobre os espazos xeobotánicos de Galicia. Creada por Mª Jesús Mourazos González, esta web resulta un atractivo recurso educativo que nos permíte identificar as árbores máis comúns, os matos, as plantas, os fentos... e a distinguir as características dos seus hábitats, entre outras moitas cousas, pero sobre todo, aprenderemos a nomear o que nos rodea.
Copiamos a frase da portada da web: "Se ignoras o nome das cousas, desaparece tamén o que sabes delas" Carl von Linné 1755

16 feb 2012

Amoriños collín...


No IES de Viós celebramos a nosa particular gala do amor o martes 14 de febreiro. Foi a cerimonia de entrega de premios do noso Corcurso de microrrelatos Amoriños collín... en 100 palabras.

Botámolo a andar o Departamento de Lingua Galega e Literatura e mais o Equipo Normalización e Dinamización Lingüística. Comezamos mergullánnos na técnica do microrrelatos, cunha escolma deles tirada de Nin che conto, de Xosé Manuel Eyré. Axudouno tamén un decálogo adaptado da Cadena SER. Así, foi todo o alumnado elaborando os seus propios microrrelatos: literatura da terra, literatura en galego!

Deixámosvos aquí unhas imaxes da nosa gala de microrrelatos, na que poderedes ler o texto gañador e tamén os tres accésits que decidiu outorgar o xurado. Parabéns ao gañador e felicidades tamén os tres autores das mencións especiais.

E como se dixo na gala, non sexades malos; deixádevos querer, agora e sempre, pola literatura, polos libros e pola lingua galega!

5 feb 2012

XULIA: Que magnífico exemplo!



AMORIÑOS COLLÍN...

Xa está posto en marcha o concurso de microrrelatos Amoriños collín... que organizamos entre o EDL e o Departamento de Lingua Galega. A estas alturas, todos debedes saber que é e que non é un microrrelato e coñecedes as bases do concurso, expostas nos corredores,só queda animarvos a participar. Lembrade que o prazo para depositalos na urna - na biblioteca-remata o mércores 8. Os microrrelatos presentados estarán expostos no espazo da lingua do vestíbulo. Animádevos!! Ten premio!!

16 ene 2012

A paz, cuestión de fondo

Desde hoxe, e ata fin de mes, contamos no centro coa exposición A paz, cuestión de fondo. Serviranos de base para conmemorar o día 30 de xaneiro o Día Internacional da Paz. A exposición , organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, chega a nós grazas ao Concello de Abegondo. A mostra está formada por 16 cartaces, cada un deles con dúas ilustracións realizadas por 16 artistas de diferentes países que nos fan reflexionar a través das súas ilustracións sobre os prexuízos existentes arredor do racismo, da guerra, das desigualdades sociais... Segundo os seus organizadores, a exposición propón verdades en miniatura que retratan a sociedade contemporáanea, que serve de repaso á realidade actual e tamén como punto de debate cargado de sátira e ironía para amosar a cruenta realidade.


20 dic 2011

O Valedor do Pobo e a lingua propia de Galicia

Recollemos aquí o posicionamento da Coordinadora Galega de Equipos de Dinamización Lingüística ante a resolución tomada polo Valedor do Pobo na que solicita a retirada dun libro de texto de Educación Primaria. E recollémola tal cual porque, como EDL do IES de Viós subscribimos cada unha das súas palabras: non podiamos dicilo nin máis claro, nin máis forte, nin mellor.

19 dic 2011

REGALA GALEGO



Máis ideas para regalar galego e en galego: coma en anos anteriores collemos emprestado o catálogo de agasallos que elaboran no CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral Toma nota!

17 dic 2011

AGASALLA GALEGO





Agasalla en galego! Aquí tes algunhas ideas que A MESA reúne nun catálogo para axudarche na túa procura: Son produtos en galego e produtos de empresas que traballan en galego. Outra forma máis de dinamizar a lingua dentro do ámbito empresarial.

7 dic 2011

FINAL DO CONTRASINAL


Rematamos o noso concurso do CONTRASINAL. Unha mágoa, a verdade! Xa nos afixeramos a que, con cada recreo, chegase a hora de escoitar aos nosos compañeiros e compañeiras, de velos actuar competindo por ser a parella que máis palabras acertaba, a que menos castelanismos empregaba, a que era capaz de cazalos nun voo e corrixilos segundo "escapaban" das súas bocas...en fin, competindo por acadar unha vitoria que, a medida que nos aproximabamos á final, era máis difícil de conseguir.
No Equipo de Dinamización Lingüística quedamos máis que satisfeitos: moi satisfeitos. Non esperabamos que o concurso tivese tan boa acollida. Era realmente un pracer ver a sala chea cada recreo. A final foi ben emocionante e ben reñida. Gañou a parella formada por Álvaro e Sabela, do grupo de 3º bilingüe, pero a diferenza coa parella que representaba a 1º A , Lorena e Clara, foi certamente escasa.
Sen dúbida, un concurso que lembraremos, tanto polo ben que nolo fixeron pasar, como polo que con eles aprendemos!