A COORDINADORA GALEGA DE ENDL organiza para o día 4 de xuño unha xornada coa que quere dar visibilidade ao traballo realizado polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística ao longo dos 20 anos que levan creados. Nós sumámonos á súa iniciativa e aproveitamos para agradecer a toda a comunidade educativa a súa participación, a súa colaboración e o interese mostrado polas actividades que ata agora levamos desenvolvidas.
10 may 2011
LETRAS VIVAS: YOLANDA CASTAÑO EN VIÓS
"Para min, a maior sorpresa foi comprobar todos os medios que temos ao noso alcance para expresar os nosos sentimentos poéticos, sen limitarnos a un papel en branco"
Sara Uzal
"A poesía de Yolanda Castaño é distinta e moi contemporánea. Usa un vocabulario rebuscado, por veces tétrico, expresivo e con palabras que transmiten moita beleza. Os videoclips que montou coa poesía, non só transmiten sentimentos a través da palabra, senón tamén a través da imaxe"
Cristina Barreiro
"Gustoume a maneira de representar os poemas cos vídeos que, iso si, teñen un toque sinistro; gustoume a súa voz tranquila e a riqueza do seu vocabulario"
Sabela Patiño
"Pareceume unha actividade distinta e entretida. Yolanda inspirábame unha gran confianza e admirei o seu gran talento. Tamén me convenceu para escribir máis, e non só narración: un poema pode dicir moito en moi pouco espazo. O seu estilo pareceume moi diferente e moi ampla a temática que agochan os seus poemas."
Aroa Facal
A Sara Uzal quedáronlle ganas de ver máis videopoemas de Yolanda Castaño, así que, para ti, Sara:
8 may 2011
NOVO DISCO DE DOA: A FRONDA DOS CERVOS

O grupo DOA está estes días a presentar, nas principais cidades galegas, o seu novo disco: A fronda dos cervos e queremos anuncialo aquí porque é un magnífico traballo que vos interesará, sen dúbida, a todos os que gostades da lírica medieval e da boa música. DOA transpórtanos á Idade Media e, a través da magnífica voz da soprano Susana de Lorenzo, gozamos das letras das cantigas de Pero Meogo, oímos o mar de Vigo de Martín Códax, o canto de Mendiño á Illa de San Simón, o escarnio de Airas Nunes... e todo cuns arranxos musicais magníficos- interpretación libre das Cantigas de Alfonso X- frescos e contemporáneos. O libreto contén, ademais, un estudo crítico-literario das cantigas galego-portuguesas realizado polo profesor Federico Pérez e unha fermosa introdución da poeta Eva Veiga. Todo un luxo!
3 may 2011
VISITA A MELGAÇO

Foi unha visita de dous días, moi ben aproveitada, na que aprendemos moitísimas cousas, pero sobre todo, tomamos conciencia de todo o que nos une con Portugal: lingua, cultura, tradicións, clima, relevo, paisaxe... certamente, unha mesma identidade que traspasa a fronteira política.
"Eu agradezo moito o convite do Proxecto Terra, sen el non poderiamos gozar de tan bo aloxamento nin da atención dos monitores, que en todo momento intentaron que a nosa viaxe fose satisfactoria. Deime conta de que non temos demasiadas diferenzas, e que eles falasen en portugués, facíame sentir a gusto porque era como o galego. E o mesmo, coa comida; compartimos os mesmos gustos; por exemplo, polo viño, e tamén, algo que me sorprendeu moito, polos churros...! que non esperaba atopar alí." Lidia
" A min paréceme que esta excursión gustoulle a todo o mundo. Foi moi curta e iso quere dicir que o pasamos moi ben. Persoalmente, gustoume moito o ben que conservan o seu patrimonio histórico e tamén me agradou a súa forma de ser, a súa simpatía." Antía
"Unha cousa que me impresionou moito foi a perfecta organización do territorio: os castelos estaban situados nos lugares máis altos, con vistas a todo o val para poder vixiar posibles ameazas. Aprendín o significado de moitas palabras con este traballo: freguesía, grañas, rueiros, brandas, inverneiras..." Nando
"Pareceume unha viaxe moi interesante e divertida pero, sobre todo, moi didáctica e instrutiva. Chamoume a atención a fermosa paisaxe que vimos na subida ao castelo de Castro Laboreiro" Icia
"Sorprendeume moito o ben que nos entendemos cos guías dos lugares que visitamos e todo o que con eles aprendemos: No Parque Nacional Peneda-Gerês, no Museo do Cinema, no Museo da Emigración e do Contrabando...tamén me sorprendeu o albergue: un lugar con moita "clase", moi cómodo e moi divertido" Lucía Tudó
"Cando chegamos ao Parque Nacional da Peneda-Gerês, algunhas compañeiras máis eu comentamos que parecía a América das películas, polas enormes árbores de cor verde forte e polas montañas de rochas e penedos...Non fun capaz de entender case nada do vídeo en portugués, pero si comprendín todo o que o guía, no seu portu-galego, nos explicou. Gustoume moito o museo do cine: encantáronme as lámpadas máxicas!" Sara Parga
" Unha viaxe moi divertida, xa teño ganas de que se repita! Nahuel
Suscribirse a:
Entradas (Atom)