10 feb 2010

E TI, POR QUE O FALAS?

Se picas neste enlace poderás ver un vídeo gravado por Daria Shornikova, unha rapaza rusa que aprendeu a falar galego e que, de vacacións en Compostela, decidiu facer un documental onde recolle as impresións de todo tipo de xente arredor da lingua galega: cal é a súa relación co idioma, como comezaron a falalo ou cales son as súas palabras favoritas.
Durante algo máis dunha hora, Daria percorre lugares como pubs, facultades ou medios de comunicación para coñecer esas historias, palabras e sentimentos de Galiza, contadas tanto por galegos de nacemento como de adopción.

8 feb 2010

55 MENTIRAS...

O pasado venres 5 de xaneiro, a plataforma Prolingua presentou a súa 1ª publicación: 55 mentiras... un libro moi interesante no que se desmenten 55 falacias sobre a lingua galega moi espalladas entre a cidadanía. O libro presentouse de xeito simultáneo en 69 lugares; de maneira que, no mesmo momento, unhas 5000 persoas falaban en galego e do galego en vilas tan distintas coma Lisboa ou Melide, Londres ou Cotobade, A Coruña ou Copenhague...
A continuación deixamos unha presentación abreviada con 20 desas mentiras, unha mostra "resumida" do contido do libro.Pero se desexas ampliar esta información non tes máis que entrar na páxina web de prolingua ( mesmo podes sumarte á plataforma, se coincides cos seus obxectivos!)





5 feb 2010

EU VERSUS YO

Eu versus yo (2005) é un documental de Roberto Conde e Iago García no que se fai unha análise da situación social da lingua galega a través de entrevistas e imaxes de arquivo.

Na fita participan, entre outros, Carlos Callón (Presidente da Mesa), Ramón Villares (Presidente do Consello da Cultura Galega) Bernardo Penabade (AGAL), Víctor Freixanes (director de Galaxia), Antón Costa (AS-PG), Xosé Luis Barreiro Rivas (politólogo), Delfín Caseiro (profesor de ensino secundario), Carme Hermida (lingüista), Clara Castilla (xornalista). Tamén se inclúen pasaxes da obra teatral Bicos con lingua, de Talía Teatro.

Pica aquí para visionalo.

3 feb 2010

Presentación simultánea do libro "55 mentiras sobre a lingua galega"


A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o próximo venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.

Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

Para máis información, podes consultar a súa páxina:

http://prolinguagalega.org/

1 feb 2010

FLORES E ESPIÑAS


As espiñas deste mes de xaneiro son para o conselleiro de Cultura, Roberto Varela por cualificar a cultura galega de "ensimesmada e acomplexada" nunhas declaracións feitas o pasado 25 de xaneiro, nas que ademais aseguraba que a meirande parte da produción editorial galega acaba sendo adquirida pola Xunta. É así como pensa defender e promocionar a nosa cultura??

As flores son para esa boa parte da cidadanía galega, miles de cidadáns que non permanecen á marxe das decisións políticas que lles afectan, que son quen de pórse en contacto, de unirse, de crear colectivos ou plataformas ( Prolinguagalega, Queremos galego...) para defender un obxectivo común: a nosa lingua.

29 ene 2010

Moitas son as reaccións provocadas pola publicación das bases do novo decreto de plurilingüismo; moitas delas cargadas de carraxe pero tamén de ironía, de burla, de humor... Escoita no reproductor que aparece a continuación unha versión " trilingüe" dun poema de Celso Emilio Ferreiro.


MENOS MAL QUE NON PERDEMOS A RETRANCA !


25 ene 2010

Trilingüismo Harmónico?


19 ene 2010

DECRETAZO


O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Viós tampouco non DÁ CRETO ao que está a ocorrer co galego. A quen lle molesta tanto a nosa lingua? A quen ofende? Quen sofre no seu propio territorio a descriminación senón os galego-falantes? Por que se teme tanto avanzar nunha suposta normalización lingüística? Como non nos indignamos todos cando se poñen no mesmo plano unha lingua allea, por moi internacional que sexa, coa nosa propia lingua?
A RAG vén de presentar o documento que cuestiona mesmo a legalidade do decreto que se quere levar adiante. Podedes acceder a este documento picando aquí.

18 ene 2010

Novo decreto
Como xa sabedes, o pasado 30 de decembro o goberno galego presentou as chamadas “Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario”, unha proposta para regular as linguas vehiculares.
O ENDL do IES de Melide elaborou un esquema moi claro cos aspectos fundamentais destas bases. Colgámolas aquí por se queres enterarte mellor ou aclarar dúbidas sobre os cambios que supón con respecto ao Decreto actual.
Tamén deixamos un enlace no que podes ler a primeira análise que destas bases fai a Coordenadora galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, da que este ENDL forma parte.
A plataforma Queremos Galego convoca unha folga para o día 21 de xaneiro para parar este novo decreto.