27 oct 2011

HABERÁ PRIMAVERA

César Morán presentou, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, o seu último traballo discográfico: Haberá primavera, un libro-disco co que o músico coruñés homenaxea a Álvaro Cunqueiro, homenaxe que como o propio César comentou:
" non podía deixar de facer no ano no que se celebra o seu centenario".
Esta nova produción de César Morán- que aínda non viu a luz, pero que o fará o 11 do 11 do 2011-contén un disco dobre: un cunha coidada selección de poemas que vai desde a poesía reflexiva contida en Herba aquí e acolá ata a poesía vangardista de Mar ao Norde ou de Poemas do si e do non e outro, no que se recolle a última entrevista concedida por Don Álvaro Cunqueiro un mes antes do seu pasamento, precisamente ao propio César Morán.
No tocante á música, César sorpréndenos cunhas composicións de ritmos variados e ricos que suman emoción ás palabras do poeta. Magníficos músicos, entre eles Uxía Senlle, acompañaron a César nunha gravación de luxo.
En canto publiquen Haberá primaver,terédelo na Biblioteca á vosa disposición. No entanto, se queredes un adianto, picade neste enlace.

18 oct 2011

UNHA BOA E UNHA MALA

Dúas novas sobre lingua e cultura galega nos medios: unha boa e unha mala.
V Televisión estrea unha nova serie: Lendas vivas , 13 capítulos en forma de documentais ficcionados, dedicados ás historias transmitidas en Galicia de xeito oral durante séculos.
No blog o falar non ten cancelas ofrécennnos o primeiro capítulo, por se queredes saber de que vai.
A mala: a desaparición da edición dixital de Xornal de Galicia, outro espazo menos para a lingua galega que ve así notablemente minguada a súa presenza nos medios de comunicación.

11 oct 2011

CENTENARIO DE CUNQUEIRO

Reanudamos as publicacións neste blog-que tiñamos certamente abandonado- cun documental dirixido por Antón Reixa e que vimos no verán na 2ª canle de TVE: un estupendo traballo co que podedes achegarvos á figura de Álvaro Cunqueiro ( Mondoñedo, 22 de decembro de 1911), do que celebramos este ano o centenario do seu nacemento.
O documental reúne imaxes de arquivo nas que o propio Álvaro Cunqueiro fala das súas claves literarias, os seus amigos, os seus gustos… Testemuñas ás que se suman os máis dunha decena de familiares, escritores, críticos, amigos e especialistas como Xoan Bello, Quico Cadaval, Xavier Castro, César Cunqueiro, Juan Ramón Díaz, Luis Mateo Díez, Francisco Fernández del Riego, José María Merino, César Antonio Molina, César Morán, Sacha Ormaechea e Nélida Piñón.




27 jun 2011

DESDE A USC ANÍMANNOS A SEGUIR...OU A EMPEZAR!

Marchamos de vacacións, pero queremos deixarvos aquí uns vídeos de Núñez Singala que nos fan reflexionar e non esquecer... Feliz verán!!

20 jun 2011

REMATANDO O CURSO

O xoves 23 rematamos e no EDL pensamos que, para celebralo, nada mellor que UNHA FESTA DE PALABRAS!! porque sempre é unha festa escoitar a Cándido Pazó, xa habitual nas celebracións do instituto, pero que nos segue sorprendendo e emocionando como a primeira vez.
E nesta ocasión temos, tamén, un convidado novo: Manuel Pardo, o escritor de Bordel, de quen non temos máis que gabanzas, e a quen agardamos con moita ilusión.

Ata a festa!

23 may 2011

20 ANOS DE EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN

A COORDINADORA GALEGA DE ENDL organiza para o día 4 de xuño unha xornada coa que quere dar visibilidade ao traballo realizado polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística ao longo dos 20 anos que levan creados. Nós sumámonos á súa iniciativa e aproveitamos para agradecer a toda a comunidade educativa a súa participación, a súa colaboración e o interese mostrado polas actividades que ata agora levamos desenvolvidas.
























10 may 2011

LETRAS VIVAS: YOLANDA CASTAÑO EN VIÓS



Hoxe tivemos a fortuna de poder asistir no instituto a un recital de Yolanda Castaño. A actividade, organizada a través do Concello de Abegondo, forma parte do programa Letras Vivas e permitiunos celebrar a Festa das Letras dun xeito diferente. A presenza de Yolanda Castaño achéganos á literatura galega contemporánea, supón unha aproximación á realidade literaria e cultural máis viva, máis actual. A mestura que Yolanda fai da palabra escrita e outros medios alternativos, coma o vídeo clip, prendeu no alumnado que quedou, en principio, sorprendido ao comprobar como a poesía rompe as barreiras da escritura e salta ás pantallas e combínase coa imaxe e coa música, creando outra forma distinta de expresión.
"Para min, a maior sorpresa foi comprobar todos os medios que temos ao noso alcance para expresar os nosos sentimentos poéticos, sen limitarnos a un papel en branco"
Sara Uzal
"A poesía de Yolanda Castaño é distinta e moi contemporánea. Usa un vocabulario rebuscado, por veces tétrico, expresivo e con palabras que transmiten moita beleza. Os videoclips que montou coa poesía, non só transmiten sentimentos a través da palabra, senón tamén a través da imaxe"
Cristina Barreiro
"Gustoume a maneira de representar os poemas cos vídeos que, iso si, teñen un toque sinistro; gustoume a súa voz tranquila e a riqueza do seu vocabulario"
Sabela Patiño
"Pareceume unha actividade distinta e entretida. Yolanda inspirábame unha gran confianza e admirei o seu gran talento. Tamén me convenceu para escribir máis, e non só narración: un poema pode dicir moito en moi pouco espazo. O seu estilo pareceume moi diferente e moi ampla a temática que agochan os seus poemas."
Aroa Facal
A Sara Uzal quedáronlle ganas de ver máis videopoemas de Yolanda Castaño, así que, para ti, Sara:


8 may 2011

NOVO DISCO DE DOA: A FRONDA DOS CERVOS

O grupo DOA está estes días a presentar, nas principais cidades galegas, o seu novo disco: A fronda dos cervos e queremos anuncialo aquí porque é un magnífico traballo que vos interesará, sen dúbida, a todos os que gostades da lírica medieval e da boa música. DOA transpórtanos á Idade Media e, a través da magnífica voz da soprano Susana de Lorenzo, gozamos das letras das cantigas de Pero Meogo, oímos o mar de Vigo de Martín Códax, o canto de Mendiño á Illa de San Simón, o escarnio de Airas Nunes... e todo cuns arranxos musicais magníficos- interpretación libre das Cantigas de Alfonso X- frescos e contemporáneos. O libreto contén, ademais, un estudo crítico-literario das cantigas galego-portuguesas realizado polo profesor Federico Pérez e unha fermosa introdución da poeta Eva Veiga. Todo un luxo!

3 may 2011

VISITA A MELGAÇO

Este curso aproveitamos a oportunidade que nos ofreceu o Proxecto Terra do COAG, a través dos seus Intercambios Territoriais e visitamos a vila portuguesa de Melgaço. Esta saída foi realmente un agasallo para o alumnado de 1º de ESO que, durante o segundo trimestre, traballara con moito interese a unidade didáctica de Identidade Territorial, nas aulas de Ciencias Sociais e Lingua Galega.
Foi unha visita de dous días, moi ben aproveitada, na que aprendemos moitísimas cousas, pero sobre todo, tomamos conciencia de todo o que nos une con Portugal: lingua, cultura, tradicións, clima, relevo, paisaxe... certamente, unha mesma identidade que traspasa a fronteira política.
"Eu agradezo moito o convite do Proxecto Terra, sen el non poderiamos gozar de tan bo aloxamento nin da atención dos monitores, que en todo momento intentaron que a nosa viaxe fose satisfactoria. Deime conta de que non temos demasiadas diferenzas, e que eles falasen en portugués, facíame sentir a gusto porque era como o galego. E o mesmo, coa comida; compartimos os mesmos gustos; por exemplo, polo viño, e tamén, algo que me sorprendeu moito, polos churros...! que non esperaba atopar alí." Lidia
" A min paréceme que esta excursión gustoulle a todo o mundo. Foi moi curta e iso quere dicir que o pasamos moi ben. Persoalmente, gustoume moito o ben que conservan o seu patrimonio histórico e tamén me agradou a súa forma de ser, a súa simpatía." Antía
"Unha cousa que me impresionou moito foi a perfecta organización do territorio: os castelos estaban situados nos lugares máis altos, con vistas a todo o val para poder vixiar posibles ameazas. Aprendín o significado de moitas palabras con este traballo: freguesía, grañas, rueiros, brandas, inverneiras..." Nando
"Pareceume unha viaxe moi interesante e divertida pero, sobre todo, moi didáctica e instrutiva. Chamoume a atención a fermosa paisaxe que vimos na subida ao castelo de Castro Laboreiro" Icia
"Sorprendeume moito o ben que nos entendemos cos guías dos lugares que visitamos e todo o que con eles aprendemos: No Parque Nacional Peneda-Gerês, no Museo do Cinema, no Museo da Emigración e do Contrabando...tamén me sorprendeu o albergue: un lugar con moita "clase", moi cómodo e moi divertido" Lucía Tudó
"Cando chegamos ao Parque Nacional da Peneda-Gerês, algunhas compañeiras máis eu comentamos que parecía a América das películas, polas enormes árbores de cor verde forte e polas montañas de rochas e penedos...Non fun capaz de entender case nada do vídeo en portugués, pero si comprendín todo o que o guía, no seu portu-galego, nos explicou. Gustoume moito o museo do cine: encantáronme as lámpadas máxicas!" Sara Parga
" Unha viaxe moi divertida, xa teño ganas de que se repita! Nahuel



14 abr 2011

CAMPAÑA DE PROLINGUA EN DEFENSA DA LNL

A carta aberta ao Presidente da Xunta, coa que Prolingua lle demanda o seu compromiso público coa Lei de Normalización Lingüística, segue sumando apoios. Se ti tampouco queres permanecer indiferente ante os ataques á lingua, podes asinala picando aquí.